ETA anuncia o seu desarmamento para o 8 de abril

ETA anuncia o seu desarmamento para o 8 de abril

A organización facilitará a localización dos ‘zulos’ que aínda posúe, segundo avanzan diversos medios. 


ETA anunciará en breve o seu desarmamento unilateral e completo para o 8 de abril. Así están a afirmalo nas últimas horas diversos medios de comunicación, tanto vascos como estranxeiros, que indican que a organización armada vasca anunciará a ubicación dos zulos para facilitar este proceso.

Até agora ETA tentou realizar o proceso de entrega de armas a través da coñecida como Comisión Internacional de Verificación, un grupo de expertos internacionais, mais estas tentativas fracasaron por mor do inmobilismo do estado español, con operacións policiais que desbarataron estas iniciativas. Algo moi criticado por diferentes axentes políticos e sociais, como o propio Goberno vasco.

Unha das persoas detidas en abril de 2016 no sur de Francia cando integraba un grupo de apoio ao desarme, Jean-Noël Etcheverry, asnunciou esta quinta feira a través de 'Le Monde' que ETA estará totalmente desarmada o vindeiro 8 de abril. "ETA confiounos a responsabilidade do desarmamento do seu arsenal e na tarde do 8 de abril, ETA estará totalmente desarmada", declarou

De acordo con Le Monde, "Centos de persoas" da sociedade civil e numerosos cargos electos da zona norte de Euskal Herria participarían nesa operación de entrega de armas.

"Unha boa noticia"

Nunha comparecencia perante os medios de comunicación, Arnaldo Otegi afirmou que estabamos ante "unha boa noticia, agardada longo tempo" e amosou a súa confianza en que "desta vez si que se chegue até o final no desarmamento". Para iso, apuntou, terá que haber monitorización da comunidade internacional e implicación da sociedade civil e das administracións.

O Lehendakari, Iñigo Urkullu, considera que desta volta "danse as condicións" para que se complete o desarmamento e reclamou "altura de miras e canles de comunicación" aos gobernos español e francés



x