Eva Solla relevará Yolanda Díaz como líder de EU na asemblea nacional do 3X

Eva Solla relevará Yolanda Díaz como líder de EU na asemblea nacional do 3X

A parlamentar de En Marea no Congreso xa esgotara o límite de mandatos estabelecido nos estatutos da organización. Solla encabeza a única lista á asemblea nacional da formación esquerdista, que se vai realizar o 3 de xuño en Compostela.


Vicepresidenta segunda do Parlamento galego e secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia, Eva Solla (Vigo, 1984) vai relevar Yolanda Díaz como referente orgánico de Esquerda Unida ao encabezar a única candidatura que obtivo os avais precisos para concorrer á Asemblea Nacional da organización, axendada para o 3 de xuño.

No conclave, convocado baixo a lenda xenérica de A Forza das Ideas, vanse debater e votar os documentos políticos e organizativos, o informe de xestión e a tese estatutaria. As votacións vanse realizar con carácter previo á asemblea presencial a meio de sistemas telemáticos -o web da organización ou unha aplicación para dispositivos móbeis.

Esta quinta feira, en conferencia de imprensa, Eva Solla reafirmou a "aposta inequívoca" de Esquerda Unida pola "unidade popular", embora enfatizase que esta ten de ser "real" e o máis participativa posíbel. Nese sentido, o secretario de Organización saínte, Rubén Pérez, advogou por que "En Marea retome o camiño horizontal de inicio", en liña coas críticas verquidas días atrás por Yolanda Díaz á nova maioría da organización, a liderada por Luís Villares. Díaz criticou o ex xuíz por pactar con Queremos Participar, a corrente encabezada polo parlamentar Davide Rodríguez, e Somos Quen, a nucleada arredor de Cerna, e por "excluír" sensibilidades como a da propia Esquerda Unida, a Marea Atlántica e sectores de Anova e Podemos.

Rubén Pérez avanzou que na asemblea nacional están chamados a participar por volta de 250 persoas delegas eleitas nas diferentes organizacións locais e comarcais.



x