ALBERTE FERNÁNDEZ

“Falar galego neste momento supón un acto de rebeldía”

“Falar galego neste momento supón un acto de rebeldía”
Alberte Fernández Silva
Alberte Fernández Silva  Foto: Natalia Porca

Galiza Nova vén de presentar unha nova campaña en defensa da lingua galega que leva por nome “Rebélate, fala galego”. Falamos co seu secretario xeral Alberte Fernández sobre esta iniciativa.


-Como nace esta iniciativa?

- No nacionalismo galego a defensa do dereito a usar a nosa lingua é unha constante. Somos conscientes de que representa un dos patrimonios inmateriais máis grandes que temos. A lingua galega é un dos nosos símbolos de identidade que, por desgraza, se está a perder. Esta é unha das  razóns. Por outra banda, temos os datos dramáticos correspondentes a 2014 segundo os cales xa é menor neste país o número de persoas que falan galego do que as que falan castelán. A percentaxe, se non lembro mal, das e dos galegofalantes estaría en 44 por cento do total da populación galega. Nós cremos que isto é unha desgraza que temos que combater. Nese sentido, coidamos tamén que dende a xente nova é onde temos que combater porque aínda que é onde máis falantes se perden tamén somos os que lle podemos dar a volta a esta situación. Moitos dos que estamos agora en Galiza Nova somos neofalantes, falamos castelán nalgún momento da nosa vida e pasamos a falar en galego. Ese é o feito rebelde que queremos reclamar na nosa campaña. A rebeldía que supón falar en galego nun momento no que nun centro de ensino medio te atopas con que es o único alumno que falas en galego.

Coñezo unha rapaza que foi a unha entrevista de traballo e dixéronlle directamente “No, es que hablas gallego”

-O lema da campaña é  “Rebélate, fala galego”. Sae entón desta idea que expós?

Si, aí é onde queremos incidir. No feito de rebeldía que supón dar o paso a falar en galego nun ambiente contrario.

-Conta co apoio dalgunha outra organización?

- Esta campaña parte de Galiza Nova que, ao ser a organización xuvenil do BNG, é quen leva as accións relacionadas coa xuventude. Traballamos case sempre conxuntamente por ser o seu referente xuvenil, traballamos dunha maneira moi pegada. Pero aparte diso, nesta campaña en concreto non contamos con ningunha outra organización, é unha campaña nosa.

-En que consiste esta campaña?

- Pois fundamentalmente no feito de facer fincapé no acto de rebeldía que supón falar galego neste momento. Imos repartir un díptico por todos os centros de ensino. Por unha banda naquelas zonas nas que hai menos galegofalantes entre a xente máis nova: por unha parte explicando o que está pasando na situación actual coa lingua galega e por outra con un decálogo de pasos para comezar a falar galego nunha situación adversa coma esta, algo que moitos de nós vivimos. Por outra banda, nas zonas nas que existen máis galegofalantes entre a xente máis nova, repartiremos material informativo cunha serie de puntos explicando porque se debe manter o galego e que unha persoa que neste momento é moza e fala galego non debe de cambiar [de lingua] noutras situacións.

Xa é menor neste país o número de persoas que falan galego do que as que falan castelán.

-Son accións que se desenvolverán principalmente entón nos centros de ensino?

- Si. Ao mesmo tempo tamén imos realizar unha serie de actos en vilas e cidades, referentes ao uso do galego tanto a nivel cultural como a nivel social. Por exemplo a nivel musical. Agora os grupos que cantan en galego coma Sés ou Nao teñen moito tirón. A nosa idea é realizar actos con eles. Hai que destacar tamén que en galego se pode facer todo, non é algo que nos limite na nosa vida diaria. Como complemento, levaremos un photocall por todas as vilas e cidades do país apoiando a campaña e o feito de falar galego. É unha iniciativa orientada principalmente á xente nova. Nós como organización xuvenil, centrámonos máis neste ámbito pero claro, tamén está aberta a todo aquel que se queira achegar.

-Como resumirías o obxectivo final desta campaña?

- O obxectivo final é que, por unha banda, a xente nova se dea conta de que pode desenvolver a súa vida diaria en galego sen ningunha dificultade e, por outra, animar a máis xente a falar en galego, sobre todo a xente nova

-Cal é o principal obstáculo que se atopa unha persoa nova que quere falar galego?

- Depende un pouco do contexto. De se vives nunha vila pequena onde se fala máis galego ou nunha cidade, como Pontevedra, coma min.  Principalmente é o medo a non ser aceptado, pequenas barreiras mentais que se nos van creando. Eu por exemplo falaba en galego na miña casa, pero no instituto falaba en castelán porque todo o mundo o falaba. Tiñas esa barreira de dicir: aquí non podo falar galego. Era máis iso, o tema dos preconceptos. Non era exactamente unha discriminación real e activa de que se fosen a rir de ti directamente pero estaba aí.

-Esta presión social é máis forte nos adolescentes ou na xente nova que noutras franxas de idade?

- É igual de forte en moitos aspectos. Existe unha gran discriminación social ao galego mesmo no eido laboral, por exemplo. Coñezo unha rapaza que foi a unha entrevista de traballo e dixéronlle directamente: “No, es que hablas gallego”. Hai unha presión nese sentido do que estabamos falando, unha presión máis social, de conceptos, que si que está máis establecida no que pode ser o que é a adolescencia. Mais despois, máis adiante, no que é a nosa traxectoria vital tamén existe unha discriminación máis forte: na cuestión laboral, na cuestión educativa e demais.



x