SESIÓN DE CONTROL

Feijóo afirma que o “peor dos agravios” para Galiza sería un financiamento con criterios nacionalistas

Feijóo afirma que o “peor dos agravios” para Galiza sería un financiamento con criterios nacionalistas
Feijóo parlamento
Feijóo parlamento  

Pontón (BNG) ínstao a defender os intereses de país e a abordar “de ti a ti” con Madrid un novo financiamento. Luis Villares (En Marea) criticou a falla de vontade de Xunta e goberno español para que Galiza estea nunha infraestrutura tan determinante como o corredor atlántico. Unha falla de vontade que Xaquín F. Leiceaga (PSdeG) tamén reprochou ao presidente no que atinxe a AP9.


O Parlamento acolleu esta terza feira unha nova sesión de control ao presidente, unha comparecencia que o presidente despacha como un simple trámite e no que se centra máis en atacar a oposición que en responder as preguntas que lle formulan os portavoces dos grupos parlamentares. Independentemente das cuestións que se lle vaian a formular, pódese apostar case sobre seguro que na quenda do presidente non faltarán as referencias pexorativas ao ‘bipartito’ (para o BNG), aos pasados gobernos do PSOE (para o PSdeG) e ás desavenencias e conflitos internos das marés (a En Marea).

 

A primeira pregunta correspondeu a Ana Pontón (BNG), que tras criticar o recorte do PP na ILP pola tarifa eléctrica galega e a suba de peaxes na AP9, instou o presidente a que se posicionase sobre o debate de financiamento. A portavoz nacional valorou como negativo o actual modelo, prexudicial para Galiza, que recibe moito menos do que achega. “Nestes 5 anos hai un déficit de 10.000 millóns de euros en sanidade e educación”, indicou, propoñendo a Feijóo que defenda un modelo xusto para Galiza “de ti a ti”.

 

Non semella polo labor o mandatario de Monte Pío. “Déixense de ideoloxías que van contra o país”, díxolle a Ana Pontón. Acusou o BNG de, en financiamento, defender “un disparate” e afirmou que “o peor dos agravios para Galiza sería aplicar os criterios nacionalistas ao financiamento”, cargando contra “o conto das balanzas fiscais”.

 

Fernández Leiceaga (PSdeG) pediu a Núñez Feijóo que “dese a batalla” polas infraestruturas de Galiza, facendo fincapé na AP9 e no corredor atlántico con Europa. O socialista instou o presidente a se mover nestes temas, ofrecendo a colaboración do PSdeG para conseguir avanzos para o país. Feijóo responsabilizou os socialistas de asinar covenios coa AP9 que saíron caros ás persoas usuarias, así como de ser eles quen deixaron Galiza fóra do corredor atlántico.

 

Sobre o corredor atlántico tamén lle preguntou Luis Villares, unha infraestrutura que cualificou de crucial para a economía galega. Porén, afirmou, desde o estado español e goberno galego están a se conducir con desleixo nun tema de tanta importancia para o país. Non hai vontade política, lamentou o portavoz de En Marea, que atacou Feijóo (“con F de fracaso”) por non se mollar na defensa dos intereses de Galiza.



x