Feijóo e as tres cuestións incómodas: AP-9, Ferroatlántica e Lomce

Feijóo e as tres cuestións incómodas: AP-9, Ferroatlántica e Lomce

“Non imos logralo de hoxe para mañá”, respondeulle a Ana Pontón, que o instaba a un compromiso claro como presidente nesta reivindicación. Sobre Ferroatlántica, contestou a En Marea que non autorizarían a segregación de actividades, mais lembra que non hai ningunha solicitude da empresa na Xunta.


Primeira sesión de control ao presidente do novo curso político e tres cuestións de calado sobre a mesa: transferencia da AP-9, Lomce e Ferroatlántica, presentadas por BNG, PSOE e En Marea respectivamente. Núñez Feijóo optou por 'fintar' nas respostas, sabendo que eran tres temas espiñentos para o PP, e non expresar un posicionamento claro e sen ambaxes, como lle solicitaba a oposición.

“Hai posibilidades legais de conseguir a transferencia da AP-9, mais non imos logralo de hoxe para a mañá”, respondeu a Ana Pontón. A portavoz nacionalista emprazárao a se manifestar claramente a este respecto, a que exercese “como militante de Galiza, como se calificou a si propio no debate de investidura” e como presidente, para lograr esa transferencia. Feijóo apontou que resgatar a autoestrada requería moitos cartos, “de onde se sacan, das pensións?”. A deputada do BNG lembroulle que o goberno español vai investir millóns en resgatar as radiais madrileñas, mais non fai senón intentar vetar o traspaso dunha infraestrutura chave para Galiza. O presidente galego atacou o BNG acusándoo de cambiar de opinión, retrotraíndose para iso aos anos nos que, dixo o nacionalismo falaba da autoestrada como unha “navallada para o país”.

Pontón, que confesou que tivera a esperanza -frustrada- “de que vostede viñese aquí con algo máis ca un titular”, enumorou os pasos dados polos gobernos do PP en ampliar a concesión e privatizar a AP-9. Mais, mirando ao futuro, dixo, solicitou un “pacto real” para lograr que a autoestrada sexa galega. Feijóo evitou comprometerse nese sentido.

Ferroatlántica

Luis Villares situou o presidente perante a tesitura de se posicionar no tema de Ferroatlántica. “Os traballadores e a Costa da Morte están moi preocupados”, sinalou, recriminándolle que non recibise aínda o comité de empresa. O portavoz de En Marea emprazou Feijóo a se pronunciar se ía a Xunta impedir a segregación de actividades, o que impediría a venda das hidroeléctricas de Villar Mir. Feijóo respondeu que a Xunta non recibira ningunha solicitude da empresa mais que “o interese pública das concesións continúa vixente”, polo que “non podemos autorizar a segregación”, Mais inmeditamente a seguir falou de ter en conta o plan de industrialización que a empresa está propor, investir millóns de euros en Sabón e Costa da Morte da man da súa intención de vender.

Fernández Leiceaga quería de Feijóo un posicionamento claro sobre a postura que a Xunta vai levar á conferencia sectorial sobre a Lomce de comunidades autónomas que vai decorrer a fin de mes. “Aí teñen unha oportunidade de rectificar a postura complacente” co executivo central que o portavoz do PSdG lle achaca ao goberno galego. O presidente defendeu que o goberno español está a procurar un “acordo nacional” sobre educación, o que contrapuxo a cando gobernaban os socialistas, “que aprobaban as leis de educación unilateralmente”.