SESIÓN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Feijóo desbota defender un concerto económico para Galiza:“Non quero que se rían de nós”

Feijóo desbota defender un concerto económico para Galiza:“Non quero que se rían de nós”
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

O BNG repróchalle que defenda para Catalunya o que nega a Galiza e afirma que desde que o actual modelo de financiamento está vixente o noso país perdeu 9.000 millóns de euros. Villares (En Marea) denunciou os recortes orzamentarios en políticas de igualdade de xénero e Leiceaga (PSdeG) recriminou o goberno o fracaso das súas políticas demográficas.


Núñez Feijóo recoñece que o actual modelo de financiamento non é bo para Galiza mais non acaba de pronunciarse sobre que modelo vai defender no proceso de revisión que se abre e no que as diferentes comunidades van valer polos seus intereses. Hai dúas semanas, na anterior sesión de control no Parlamento, o presidente da Xunta despachaba as propostas que ao respecto se realizaban desde o PSdeG. Esta cuarta feira negouse a atender a proposta que se lle realizou desde o BNG. A portavoz dos nacionalistas, Ana Pontón, emprazoulle a que defendese para Galiza o mesmo concerto que, nunhas recentes declaracións en Catalunya, Feijóo defendía para os cataláns.

“Desde que o actual modelo de financiamento entrou en vigor perdemos 9.000 millóns de euros”, dixo Pontón, que convidou Feijóo a que defenda perante o estado español “unha porposta de país”, un concerto que permitiría “blindar os servizos públicos e avanzar no autogoberno”. Mais Feijóo non estaba polo labor. Acusou os nacionalistas de defender un concerto “que todos os economistas negan que beneficie Galiza” e afirmou que non apoia ese tipo de propostas porque “non quero que se rían de nós”.

Os do non

Non faltou no argumentario de Feijóo o recurso a presentar ao Bloque como ‘os do non’. Así, reprochou o BNG “non crer na constitución española, non crer no estado, non crer na Unión Europea nin nos tratados internacionais”. Acusou o BNG de “facer seguidismo” do nacionalismo catalán ao tempo que afirmaba “estar farto de pagar os intereses de débeda de Catalunya”.

A portavoz nacionalista lamentou que o presidente defenda o que cualificou de “tese letal para Galiza”, a de que “non somos quen de manter os nosos propios servizos, que nolos teñen que pagar desde Madrid”. Emprazouno a “non facer seguidismo” de Madrid e a defender un financiamento moi diferente ao actual, que denominou de “inxusto, centralista e insolidario”. Cos datos do propio estado na man, argumentou Ana pontón, “o estado recada aquí 11.000 millóns de euros e o que recibimos vía financiamento autonómico non supera os 7.000 millóns”.

Violencia machista

Desde En Marea, o seu portavoz parlamentar, Luís Villares, recriminou o goberno o recorte do 77% nestes anos nas partidas orzamentarias, lembrando que sen compromosos orzamentarios non hai políticas efectivas. “Canta máis igualdade menos machismo”, dixo Villares, insistindo na gravidade do problema da violencia machista.

Feijóo negou os datos ofrecidos por Villares e afirmou que en Galiza invístese un 0,17%, cantidade superior á que destinan autonomías onde “vostedes” gobernan ou apoian gobernos, referíndose a Podemos

Demografía

A quenda do portavoz do PSdeG centrouse no problema demográfico de Galiza. Fernández Leiceaga considera que as políticas da Xunta ao respecto “non están funcionando”, como amosa a baixa taxa de natalidade e a perda da poboación. “As proxeccións do Instituto galego de estatística (IGE) indican que en 35 anos imos ser un millón de galegos menos”. O mandatario popular afirmou que o problema demográfico “lévase xestando 40 anos” e propuxo unha lei de impulso demográfico, sobre a que non ofreceu máis información sobre posíbel contido ou mesmo obxectivos.