SESIÓN DE CONTROL NO PARLAMENTO

Feijóo fecha a porta a debater sobre a modificación territorial no Estado

Feijóo fecha a porta a debater sobre a modificación territorial no Estado
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

Desbota un novo marco para Galiza nuns momentos no que está aberto o debate sobre o modelo de Estado e pregunta ao nacionalismo se o que quere é “meter lume á constitución”.


Hai un debate aberto sobre o modelo do Estado e Galiza debe estar nese debate como protagonista e non simple espectadora. Ana Pontón baséase nesta premisa para propoñer no Parlamento a creación dunha ponencia parlamentar para definir un novo marco para o noso país. A defensa das liberdades e dereitos, e o recoñecemento de Galiza como nación serían dous dos puntos que o BNG entende que deberían facer parte dese acordo.  Mais Núñez Feijóo xa fechou a porta a calquera debate ao respecto.

 

Reiterouno na sesión de control ao presidente, ao desbotar calquera necesidade de mudar o marco territorial. Está ben como está, veu dicir Núñez Feijóo, que, como non, xogou a baza de Catalunya para atizar no nacionalismo. Preguntoulle a Ana Pontón se estaba a favor de “meterlle lume á constitución” e reprochoulle as fotos de representantes do BNG con Junqueras ou Otegi. “Non está vostede en condicións de dar leccións sobre fotos”, retrucoulle a portavoz do BNG, lembrando as de Feijóo co narco Marciial Dorado, ou o ‘conseguidor’ da trama dos cursos de formación, entre outras.

 

Feijóo mantivo o piloto automático no seu discurso: O proceso catalán pon en perigo o crecemento económico de Galiza, a maioría dos galegos non é nacionalista e as eleccións referendaron o modelo para Galiza que propuña o PP. Nin palabra, como lle reprochou Pontón, sobre o proceso de involución e centralización que se está a dar no Estado e que ten efectos directos sobre a vida dos galegos. “Que vai defender no debate sobre o modelo territorial? Que somos unha rexión? Quere levarnos ao vagón de cola dasd rexións do estado?” Feijóo deixou sen contestar a pregunta. E xa se sabe que, quen cala, outorga.

 

Responsabilidades nos incendios

 

Luis Villares puxo sobre a mesa a incongruencia de que Feijóo presentase o día anterior, no pleno sobre a vaga de lumes, un pacote de 30 medidas das cales “16 xa están na lei e 3 son rescatadas de entre as que vostedes derrogaran”. O portavoz de En Marea preguntoulle ao presidente quen foi o responsábel de que non se cumpriran esas 16 medidas que xa estaban na lei, e como podía presentalas como novidades.

 

Na súa réplica, Feijóo responsabilizou a todos: os propietarios que non limpaban as súas fincas, os concellos que non obrigaban a limpar as ficas. Volveu sacar o tema do “terrorismo”, afirmando que os que prenden lume ao monte son “terroristas” e lamentando que das 177 persoas detidas en relación a incendios apenas 3 estean no cárcere.

 

Medre

 

Galiza medra menos que o Estado español e iso ten os seus efectos no emprego. Fernández Leiceaga (PSdeG) afirmou que desde o comezo da “recuperación” en Galiza créanse postos de traballo a un ritmo menor que no estado español. A crise económica deixou unha forte pegada,explicou. Pasamos de ter 1.216.000 persoas ocupadas en 2008 a apenas 1.072.000 agora. Para o presidente, ese escenario é responsabilidade en grande parte da “herdanza que recibimos en 2009”. 



x