COMPARECENCIA POLA VAGA DE LUMES DE OUTUBRO

Feijóo teima na teoría do “terrorismo incendiario” sen asumir el ningunha responsabilidade

Feijóo teima na teoría do “terrorismo incendiario” sen asumir el ningunha responsabilidade
Feijóo, nun debate parlamentar [Foto: Lavandeira Jr.]
Feijóo, nun debate parlamentar [Foto: Lavandeira Jr.]  

O presidente aproveitou a comparecencia no Parlamento para anunciar un feixe de medidas e accións a raíz dos incendios que o pasado mes arrasaron perto de 50.000 hectáreas. Entre elas, recuperar algunhas das que o seu propio goberno reduciu, como a franxa de seguranza para núcleos poboados. Feijóo insistiu en falar de “terroristas”.


Camiño do mes da vaga de incendios que arrasou case 50.000 hectáreas en Galiza, o presidente da Xunta compareceu finalmente no Parlamento para informar da resposta dada desde a administración face o que o propio Feijóo recoñeceu como das peores ondas incendiarias que sufriu o país. Non variou o discurso mantido desde o minuto 1 daqueles incendios do 14 e 15 do mes pasado: o lume debeuse á combinación de factores climatolóxicos externos e o “terrorismo incendiario”.

 

“Usan o lume para alterar a paz pública”, dixo Feijóo en alusión ás forzas da oposición, que afirmou que non nos atopamos con “simples individuos que queiman o monte”, senón con “terroristas”. Non presentou nin se referiu a ningunha evidencia ou proba de que exista ese terrorismo. Recoñeceu que “se existe unha trama” ou non, é “competencia da xustiza” determinalo. Admitiu que até o de agora a xustiza non atopara tal trama. Mais o presidente baseou no “terrorismo” boa parte do seu discurso.

 

“Debemos condenar”

 

Unha baza que empregou cando se preguntou por que arde o monte e tamén cando debullou propostas para facer fronte aos incendios. “Galiza non arde, quéimana”, indicou, para engadir: “Non é unha opinión persoal, é unha conclusión dos investigadores: 3 de cada 4 lumes non son por causas naturais”. A partir de aí, Núñez Feijóo construíu o relato do “terrorista” incendiario. Unha persoa que “espera que veñan as condicións meteorolóxicas propicias” para prender lume ao monte e “alterar a paz social”. Fronte ao terrorismo, “non frivolizar, debemos condenar”, instou e mandou unha mensaxe: “Imos a por eles”.

 

Ao ser o terrorismo incendiario responsábel do lume que asolou Galiza, o pacote de medidas que anunciou o presidente no parlamento incluía, claro está, propostas neste eido. Proposicións que Feijóo foi expoñendo desde a tribuna: desde instalar cámaras de videovixilancia nos montes máis afectados polos incendios até crear equipos forestais de investigación (brigadas semellantes foron eliminadas baixo o seu goberno).

 

 Medidas e premisas

 

O presidente defendeu a actuación da Xunta. Quer no momento dos incendios quer posteriormente, na adopción de medidas e actuacións. Cero autocrítica. Enumerou as medidas de axudas económicas aprobadas para afectados polo lume e anunciou novas axudas para sectores afectados e para recuperar infraestruturas danadas. Propuxo crear unha comisión específica para un “acordo de país” sobre o monte. Anunciou un paquete de 30 medidas en aspectos como a ordenación do monte ou desenvolvemento socio-económico. Un gran pacote no que se inclúen medidas diversas, como estabelecer franxas de seguridade en núcleos poboados (que o propio goberno de Feijóo reducira) ou activar obradoiros de empregos forestais, pasando por aumentar as superficies de frondosas autóctonas.

 

Foi, en resumo, unha comparecencia na que Feijóo apuntou múltiples responsabilidades nos incendios: desde o furacán Ophelia e as altas temperaturas até os lumes que viñan de Portugal, pasando polos incendiarios, os concellos que non tiñan brigadas ou o estado da floresta. Responsabilidades de todos menos do goberno que el preside. 



x