BARCELONA CONTINÚA SEN CEDER OS LOCAIS AO REFERENDO

Ferreiro louva o "sentido común" de Colau perante o 1-O

Ferreiro louva o "sentido común" de Colau perante o 1-O
Ferreiro, nun encontro cos meios
Ferreiro, nun encontro cos meios  

Hai meses que circula a tese nos ambientes políticos e xornalísticos de que Xulio Ferreiro aspira a xogar na Galiza o mesmo rol referencial que en Catalunya personifica Ada Colau. Esta terza feira, e inquirido polos meios, o alcalde da Coruña respaldou a posición da líder dos comúns perante o referendo. O concello de Barcelona continúa sen se aderir aos concellos que proclaman abertamente a súa participación na consulta.


Interpelado sobre a "ambiguidade" en que se está a mover Ada Colau en relación á convocatoria do referendo, o líder da Marea Atlántica e alcalde da Coruña deixou claro até que ponto existe sintonía entre eles. "É das poucas persoas -dixo en alusión á alcaldesa de Barcelona- que está a manter certo sentido común nesta discusión".

 

Colau está no albo da crítica dos sectores soberanistas en Catalunya por acatar na práctica as recentes resolucións do Tribunal Constitucional contrarias ao referendo. Barcelona é a xoia da coroa do municipalismo catalán, mais resístese a ceder á Generalitat locais públicos para a votación (tal e como fai en calquera proceso eleitoral). Unha esmagadora maioría dos concellos cataláns, máis de 700, apoian incondicionalmente o referendo, o que significa que si prestarán infraestruturas municipais.

 

O argumento de Colau é que a participación no referendo, se a Generalitat non oferece garantías, pode acabar tendo consecuencias punitivas en forma de sancións para a institución e para as súas funcionarias e funcionarios. O Govern afirma que isto significa que na práctica os comúns acatan as resolucións do Tribunal Constituciona, a diferenza do que fai o executivo catalán, para o cal non hai ningunha instancia de poder -nen executiva nen xudicial- que poda deitar por terra as decisións soberanas do Parlament de Catalunya.

 

Esta terza feira, o conseller da Presidencia, Jordi Turull, interpelou directamente o goberno local de Barcelona, na mesma conferencia de imprensa en que revelou que "99 por cento" dos concellos de Catalunya amosaron "disposición" a colaborar co referendo. "Pedimos a aqueles que exixen garantías, que poñan a parte que lles toca", dixo en relación á equipa que dirixe Colau.

 

Por súa parte, o número dous de Colau, Gerardo Pisarello, deixaba entrever, tamén esta terza feira, que a perspectiva de ceder locais á Generalitat para o referendo non causa entusiasmo precisamente no goberno local. "Temos de estudar todas as fórmulas [para participar no referendo], mais a Generalitat dispón de moitos locais [en Barcelona]". Traducido: que sexa o Govern quen poña os locais e quen asuma as consecuencias legais que decorran diso. 

 

"Hase de estudar todo con moita precaución e temos que ver tamén cal é a reacción do goberno central", dixo Pisarello.

 

Xulio Ferreiro

 

Alén de louvar a posición de Ada Colau, o alcalde da Coruña reiterou o seu apoio ao direito a decidir, "unha opción que está a pedir maioritariamente o pobo catalán". Ferreiro destacou que no referendo queren participar quer as e os partidarios da independencia quer as e os que optan por Catalunya ficar no Estado español. "Simplesmente queren que se lles deixe expresar a súa vontade", engadiu.

 

 



x