Filipe VI pide ao independentismo que renuncie en aras de preservar “a convivencia”

Filipe VI pide ao independentismo que renuncie en aras de preservar “a convivencia”
Imaxe: @CasaReal
Imaxe: @CasaReal  

Modera o ton mais mantén o discurso: continuar o proceso soberanista provoca “desconcerto, incerteza, desánimo e empobrecemento”.


Había expectación perante a cuarta mensaxe de Nadal de Filipe VI. Tiña lugar apenas catro días despois dunhas eleccións convocadas ao abeiro do 155 e nas que o independentismo revalidou maioría parlamentar e o propio Puigdemont desde Bruxelas emprazouno este sábado a rectificar a mensaxe do pasado 3 de outubro, aliñada coa dia dura do Goberno.

 

O xefe de Estado moderou o ton do seu discurso. Mais a mensaxe continúa polo mesmo roteiro: avisou o independentismo que debe renunciar ao seu proxecto político se quere preservar a convivencia en Catalunya. Reiniciar o ‘procés’ só implicará, dixo, “discordia, desánimo, empobrecemento e incerteza”.

 

O monarca español, que realizou o discurso desde a sala de audiencias do palacio da Zarzuela, afirmou que cando os principios básicos” que marca a constitución española se rompen “a convivencia primeiro se deteriora e despois faise inviábel”. Filipe VI tamén aproveitou para facer unha defensa e reivindicación do “gran cambio” e o “gran salto sen precedentes” que deu o Estado español nestas catro décadas.

 

O monarca tamén se referiu á necesidade de crear “postos de traballo estables” e afrontar as “desigualdades e diferenzas sociais”, ao tempo que critica a “a corrupción” e falar da “lacra inadmisíbel da violencia de xénero”.



x