XOSÉ ESTÉVEZ

“Como galego, teño envexa das consultas populares vascas sobre a independencia”

“Como galego, teño envexa das consultas populares vascas sobre a independencia”

Xosé Estévez (Quiroga, 1943), historiador e investigador, vive en Euskal Herria desde comezos da década dos 70. Alí, e ao longo destas décadas, ten traballado arreo por intensificar as relacións entre ambos os dous pobos. Este domingo participou en Oiartzun, onde vive, na consulta popular independentista. Aplicando, afirma, o exemplo ao que instaron Castelao e Bóveda hai máis de oito décadas. 


- Este domingo, 19M, en 35 concellos vascos decorreron consultas populares sobre a independencia de Euskal Herria. Como vive un galego que vive aí unha xornada así?

- No que a min corresponde, eu vivina con admiración, envexa e ilusión. Ao fin e ao cabo, eu son un nacionalista galego e como dicía Castelao, un bo nacionalista está disposto a loitar por alí onde haxa unha patria que pida a súa liberdade e a súa soberanía. Pois iso, que estou ilusionado e teño envexa de que en Galiza non poida acontecer algo semellante a isto. Se ben a verdade é que a participación non foi moi alta.

- A media total de participación nos 35 concellos onde tiveron lugar estes refrendos foi do 25%.

Onde eu vivo, en Oiartzun, a maioría é abertzale. Dos 13 concelleiros que ten Oiartzun, 8 son de Bildu e 5 do PNV. E a participación foi dun 20%!.

- E a que pode deberse isto? Son concellos onde historicamente a esquerda abertzale foi maioritaria...

- Eu creo que este tipo de consultas, que non son vinculantes e nos que non se dirimen cuestións directas e importantes, como por exemplo pasou co tema da incineración do lixo, pois a xente non se move. O que si que percibo, é que desde  o cesar o fogo de ETA hai unha certa desmobilización na sociedade vasca. E iso deixa pegada en todo. Por exemplo, nas últimas enquisas os partidarios da independencia eran un trinta e tantos por cento.

- Hai certo desencanto político, logo?

Home, despois de tantos anos de presión tan alta vén unha relaxación, iso é normal. Volvendo ás consultas, tamén hai que ter en conta dinámicas locais. Por exemplo, na feita en Larrabetzu, Bizkaia, a participación foi do 58%. E alí deuse unha imaxe curiosa, fori votar unha aboa de 100 anos de idade canda un rapaz de 16. Unha imaxe emocionante e significativa.

- Estas consultas locais en Euskal Herria reproducen a dinámica que hai anos se fixera en Catalunya....

- A estes referendos viñeron uns representantes cataláns e eles xa nos advertían que non agardásemos unha alta participación neste tipo de consultas. O que si é certo é que a xente aquí está expectante co que acontece en Catalunya. Por unha parte hai unha certaa desconfianza, que todo iso non vaia a adiante ao facelo dun xeito unilateral. Por outra, están a mirar de se iso finalmente vai adiante, o efecto que pode ter en Euskal Herria.

Aquí hai outra situación a ter en conta, que é a de Nafarroa, onde se sacou a dereita do poder e goberna un cudripartito e hai expectación inusitada no país Vasco sobre isto, sobre como vai e que pode acontecer nestes anos.

- O recente anuncio de desarmamento total e unilateral de ETA como se acolleu por parte da sociedade vasca?

- Eu creo que a sociedade está un pouco cansa de comunicados. E toma isto sen grandes ‘alaracas’, como outro comunicado de ETA. Agora si, a xente aquí está ‘encabronada’ co goberno central, que non fixo nada no tema da política penitenciaria a respecto dos presos vascos. E por riba o goberno español está a ‘comerlle o coco’ ao goberno francés para que poña impedimentos ao desarmamento. Isto dá que desconfiar. E a sociedade vasca con esas actitudes e posicionamentos está moi en desacordo, anoxada.

- Que fica hoxe, en 2017, da pegada galega en Euskal Herria?

- A emigración galega deixou de chegar a Euskal Herria a partir do setenta e tantos. Os emigrantes galegos que fican aquí son, nunha porcentaxe alta, poboación envellecida. E os fillos xa están totalmente integrados na sociedade vasca. Ou sexa, que a pegada galega está bastante diluida, non é aquela efervescencia de hai 30 ou 40 anos.

Agora ben, hai un grupo de mozos emigrantes, que chegaron aquí nestes últimos anos e que están a traballar moi ben, creando unha confraternización vasco-galega moi interesante. Hai, por exemplo, unha radio galega en Gasteiz, unha asociación en Bilbo, ‘Galizaleak’, onde se fala galego e euskara, fan actividades conxuntas vasco-galegas... Ou proxectos como o de David Cabaleiro con ‘Sitio Distinto’, que é marabilloso, un documental sobre a emigración galega a Euskal Herria desde un punto de vista reivindicativo e integrador, non folklórico.

- Vostede votou na consulta que se fixo este domingo na vila onde vive, Oiartzun?

- Votei, por suposto, e votei polo Si. Hai un precioso chamamento do Partido Galeguista que se publicou na prensa vasca o 2 de novembro de 1933, o 5 votábase en referendo o estatuto vasco, e que foi redactado por Alexandre Bóveda. Finalizaba, e cito de memoria que as lembro case ao pé da letra, dicindo: “Alí, onde unha patria loite polo seu recoñecemento nacional, os galegos debemos ser os máis esforzados paladíns". Pois eu cóntome entre eses paladíns (ri).

- E votarían moitos galegos?

Aquí en Oiartzun somos pouquiños. Non pasaremos de 20 os galegos aquí. Hai máis en Pasaia, onde andamos polos 2.000, en Errentería, que seremos 1.500... Se votaron moitos? Pois non che podo dicir (ri).

 



x