EN MAREA E PSDEG EMPATAN NA SEGUNDA PRAZA E O BNG SUPERA AS EXPECTATIVAS CON 6 ESCANOS

Galiza dá unha nova maioría absoluta ao PP

Galiza dá unha nova maioría absoluta ao PP

O PP de Feijóo obtivo unha esmagadora vitoria nas eleccións galegas. Subiu en termos absolutos e relativos a respeito de 2012. Os 41 escanos nun Parlamento de 75 fan da Galiza o único país do Estado gobernado por maioría absoluta. En Marea non consumou o sorpasso e empatou na segunda praza co PSdeG. BNG, por súa parte, superou as expectativas, derrotou os inquéritos e fíxose con 6 parlamentares, 2 por A Coruña, 2 por Pontevedra, 1 por Lugo e 1 por Ourense. O grande derrotado foi o españolista Ciudadanos, con apenas o 3,37 por cento do voto.


Co 98,90% dos votos escrutados, o PP consegue unha folgada maioría absoluta que o sitúa con 41 escanos no Parlamento e o 47,57% dos votos, o mesmo número de escanos que nas eleccións de 2012, cando sumara o 45,80% das papeletas. En Marea (19,03%) e PSdeG (17,89%) empatan a 14 escanos. Até o último momento ambas as formacións pugnaron pola segunda praza, coa que fica, por porcentaxe de voto, o partido liderado por Luís Villares.

Ás eleccións de 2012 En Marea non concorreu pero si o fixeron dous dos partidos que a forman, Anova e IU, con AGE, que conseguira 9 parlamentares e o 13,91% dos votos. O PSdeG obtivera 18 parlamentares en 2012, cando o apoiou o 20,61% das persoas votantes.

O BNG (8,36%) acada un resultado maior do que advertían as enquisas e faise con grupo parlamentar propio ao lograr 6 escanos. A forza nacionalista conseguira 7 escanos en 2012 e contara co 10,11% das papeletas.

Ciudanos fica sen representación no Parlamento, ao obter tan só o 3,37% do voto. Compromiso por Galicia tampouco obtén escano e baixa do 1,01% dos votos que conseguira no 2012 ao 0,28%, resultado que sitúa a formación política liderada por Xoán Bascuas por detrás de Ciudadanos, de Pacma e de Democracia Ourensana.

Resultados por circunscricións

A respeito das circunscricións, na Coruña -onde aumentou en un o número de parlamentares polo incremento da poboación- repartíronse os escanos da seguinte maneira: 13 para o PP e o 47,83% do voto (en 2012 obtivera 13 e o 45,39% do voto), 5 para En Marea e o 19,30% do voto (en 2012 non se presentou pero Anova e EU fixérono con AGE, que conseguira 4 parlamentares e o 16,61% do apoio), 5 para o PSdeG e o 17,19% do voto (en 2012 acadara 5 escanos e o 18,78% dos votos) e 2 para o BNG e o 8,82% do voto (repite número de escano a respeito de 2012, cando sumara o 9,61% das papeletas).

Por Lugo, circunscrición que elixía un parlamentar menos que en 2012 pola perda de poboación, o PP obtivo 8 parlamentares e o 52,85% das papeletas (perdeu un escano a respeito de 2012, cando lograra 9 e o 51,48% das papeletas); o PSdeG, 3 e o 19,04% do voto (cae un escano a respeito de 2012, cando conseguira 4 e o 22,72% dos votos); En Marea, 2 e o 15,35% das papeletas (en 2012, Anova e EU, inseridos en AGE, acadaran 1 escano e o 10,29% dos votos) e o BNG 1 e o 7,40% dos votos (repite número de escano en relación a 2012, cando sumou o 8,71% dos apoios).

Por Ourense, o PP fíxose con 9 escanos e co 53,13% do voto (en 2012 conseguira 8 parlamentares e o 49,17% do voto), o PSdeG, con 2 escanos e co 17,64% das papeletas (perde 2 escanos a respeito de 2012, cando lograra 4 e o 23,67% das papeletas); En Marea, con 2 e co 13,75% do voto (en 2012, Anova e IU, que forman parte de En Marea, conseguiran con AGE 1 parlamentar e o 7,78% dos apoios) e o BNG, con 1 e co 6,04% do voto (repite escano en relación ás eleccións de 2012, cando tivera o 8,46% do voto).

Por Pontevedra, o PP acadou 11 escanos e o 9,01% das papeletas (o mesmo número de escanos que nas anteriores eleccións, cando lograra o 42,81% dos votos); En Marea, 5 e o 22,01% dos votos (AGE, en que se inserían Anova e IU, sumaban 3 escanos e o 14,42% dos apoios); o PSdeG, 4 e o 18,38% dos apoios (en 2012 conseguía 5 escanos e o 20,81% dos votos) e o BNG, 2 e o 9,01% dos votos (en 2012 lograra 3 escanos e o 11,87% das papeletas).



x