Galiza Nova apresenta 50 medidas para "liberar a mocidade galega"

Galiza Nova apresenta 50 medidas para "liberar a mocidade galega"
Un momento do acto
Un momento do acto  

O día en que o Ministerio de Defensa apelaba ao orgullo de ser españois, Galiza Nova -a organización xuvenil do Bloque- organizou un acto sob o lema de "Rebélate, organízate e loita". Loitar para que? Para avanzar cara á construción dunha República galega independente, dada a "irreformabilidade" do Estado español.


Galiza Nova reuniu un nutrido grupo de militantes e simpatizantes esta quinta feira na Praza 8 de Marzo de Compostela nun acto en que tomaron a palabra o seu secretario xeral, Alberte Fernández; a súa responsábel de Internacional, Navia Rivas; e a súa dirixente e viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil.

 

No evento Galiza Nova apresentou unha batería de 50 medidas para "liberar" a mocidade galega, un conxunto de iniciativas para garantir un país con xustiza social, liberto da dependencia e do patriarcado, unha Galiza en que "se poda vivir plenamente en galego".

 

Na súa intervención, Olalla Rodil chamou a mocidade a ser protagonista dun momento político que, xulgou, é o máis decisivo das últimas 4 décadas, marcado polo confronto entre o soberanismo e o réxime de 1978.

 

Por súa parte, Navia Rivas dixo que as 50 medidas de Galiza Nova non responden a un "capricho", mais si a unha estratexia deseñada para ultrapasar "a situación colonial do país", visando a conquista dunha "República galega independente".

 

A independencia é o obxectivo que cabe ao pobo conquistar sendo que -manifestou Alberte Fernández- "o estado español é totalmente irreformábel".

 

Para o secretario xeral de Galiza Nova, o catálogo de políticas opresivas do Estado español é moi amplo e cada país sófreas de maneira distinta: "O Estado español exerce a violencia non só en forma de represión como en Catalunya, senón tamén obrigando a mocidade galega a emigrar"



x