CON MOTIVO DO 12 DE OUTUBRO

Galiza Nova reivindica a soberanía nacional para Galiza

Galiza Nova reivindica a soberanía nacional para Galiza
independencia
independencia  

“Non hai nada que celebrar e si moito que loitar” foi o lema co que Galiza Nova reivindicou este 12 de outubro a soberanía nacional para o país. Fíxoo cunha bandeira da patria xigante e cun mosaico en que se podía ler a palabra independencia.


Compostela acolleu na mañá desta cuarta feira un acto simbólico convocado por Galiza Nova para reivindicar a soberanía nacional para Galiza. A formación nacionalista sinala que o Estado español nos condena “á dependencia e á miseria” e denuncia que se empeña en “anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional”.

Alberte Mera: "A autoorganización do pobo galego, sen dependencias nin tutelaxes, é o único camiño para a emancipación nacional"

As mocidades do BNG denunciaron que nos atopamos diante dun sistema “totalmente corrompido” en que a constitución “é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer”. Na mesma liña, o secretario xeral da formación advertiu de que “as políticas do capital levadas a cabo polos gobernos español e galego están centradas unicamente no beneficio das grandes multinacionais e no empobrecemento xeneralizado do pobo”. Alberte Mera subliñou que “a autoorganización do pobo galego, sen dependencias nin tutelaxes, é o único camiño para a emancipación nacional”.

Campaña en defensa dun emprego digno 

Co acto realizado con motivo do 12 de outubro, Galiza Nova puxo de manifesto que “non é tempo de celebracións, senón de denuncia”. Por iso anunciou a posta en marcha dunha campaña en defensa dun emprego digno. Desta maneira, a mocidade nacionalista denuncia “as políticas neoliberais e nefastas do goberno español que hipotecaron o noso futuro e nos condenaron á emigración, a un 55% de desemprego xuvenil e aos traballos máis precarios”.