Galiza Sempre analiza as chaves dun novo modelo de financiamento para un autogoberno real

Galiza Sempre analiza as chaves dun novo modelo de financiamento para un autogoberno real

O presidente da Fundación, Francisco Jorquera, insta situar o debate sobre o sistema de financiamento no debate e axenda política pola súa importancia “para o país e para os cidadáns”.


“É unha anormalidade política que o sistema de financiamento estea ausente do debate  axenda política”, afirma Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre, unha anomalía na que determinadas organizacións políticas teñen a súa responsabilidade indicou. Jorquera realizou estas declaracións no marco da xornada de debate sobre un novo modelo de financiamento organizado por Galiza Sempre e no que tomaron parte economistas como Xosé Díaz ou Juan Mari Ollora, moderando María do Carmo García Negro.

O ex-portavoz nacionalista no Parlamento galego lamenta esa ausencia do sistema de financiamento da axenda pois estamos a falar dunha cuestión, di, “fundamental” tanto para o país (“sen capacidade financeira non hai autogoberno real”) como para a cidadanía (“do sistema financeiro dependen os recursos para servizos públicos,...”).

A xornada, que decorreu na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade  Compostela, procura “incentivar o debate” e “prover de elementos para unha análise fundamentada” a respecto dun tema no que “moitas veces as posturas teñen máis a ver con prexuízos que con estudos”. Destacou Jorquera a presenza de Juan Mari Ollora, que estivo na negociación do concerto para Euskadi, un sistema que lle permitiu aos vascos fornecerse de recursos “para facer políticas para os seus cidadáns” e evitar grandes recortes durante a crise.

Depender do estado

A preguntas dos xornalistas, o presidente de Galiza Sempre sinalou que o actual problema do sistema financeiro autonómico é que é o estado quen recada. “Iso condena Galiza a depender do estado” e non ter marxe para facer políticas propias, tendo que padecer os recortes decretados desde Madrid durante estes anos de crise.

Dispor dunha axencia tributaria propia con capacidade normativa sobre os impostos, dixo, Galiza podería ter máis recursos ao tempo que se racharía “esa dependencia” do estado. 



x