O goberno español contempla a vía do estado de excepción para frear o proceso independentista catalán

O goberno español contempla a vía do estado de excepción para frear o proceso independentista catalán
Mariano Rajoy e Carles Puigdemont
Mariano Rajoy e Carles Puigdemont  Foto: Youtube

Moncloa argumenta ao Consello de Europa que aplicaría o artigo 116 da constitución, que regula as circunstancias para decretar os estados de excepción, alarma e sitio; se o recorte da autonomía non for abondo.


A medida que en Catalunya avanzaba nestes anos o proceso independentista, Madrid intensificou as súas advertencias e ameazas de recorrer á artillería legal española existente para garantir a unidade de España e con ela frear o ‘procés’. Mais até o de agora, as referencias máis ou menos veladas do executivo de Mariano Rajoy centrábanse no recurso ao artigo 155 da constitución española, precepto que permite ao estado adoptar “as medidas necesarias” para obrigar un territorio “ao cumprimento forzoso” da chamada carta magna. Mais nunca até o de agora se referira ao artigo 116, que é o que regula as circunstancias para decretar os estados de excepción, alarma e sitio.

Segundo desvela El Periódico, o goberno español remitiu un documento á Comisión de Venecia - organismo do Consello de Europa que emite ditamos sobre leis de estados membros da UE- no que cita este artigo 116. Faino para xustificar a reforma da lei orgánica do Tribunal Constitucional, que dota os maxistrados do TC de poder para sancionar e suspender cargos públicos que incumpran os seus ditames. Un punto este que preocupa a Comisión de Venecia, que insta España a reconsiderar os poderes excepcionais que atribúe o Constitucional.

No texto remitido ao Consello de Europa pola Moncloa afírmase que no caso de haber unha “forte reticencia” por parte de gobernos rexionais a cumprir as sentenzas e decisións do TC, “desafiando abertamente os poderes de execución do Tribunal, poñendo en risco o sistema constitucional”, poderase aplicar “o artigo 155” (que contempla a suspensión de atribucións do autogoberno). “Se a situación for máis grave, entón o artigo 116 podería ser tamén aplicábel”, conclúe.

O presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, xa se pronunciou en torno a esta alternativa barallada polo executivo español. “Diante da ameaza de estado de excepción, queremos construír un estado de xente excepcional”.



x