O goberno veta no Congreso a lei galega de preferentes

O goberno veta no Congreso a lei galega de preferentes

A lei fora aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza en 2014 e pedía que os aforradores afectados polo calote das preferentes nas entidades rescatadas con cartos públicos recuperasen todos os seus aforros.


O goberno español decidiu vetar a tramitación no Congreso dunha lei que foi aprobada en 2014 por unanimidade no Parlamento de Galiza. Así o decidiu a sexta feira pasada o Consello de Ministros, que deste xeito impide que o que foi aprobado hai tres anos co apoio de todos os grupos parlamentares con representación na Cámara galega chegue ao Congreso.

A lei afectada polo veto do executivo español era a de preferentes, promovida inicialmente polo BNG e que contou co apoio de AGE, PSdeG e, tamén, do PP. Na mesma establecíase que aqueles aforradores estafados polas preferentes de entidades rescatadas con cartos públicos puidesen recuperar todos os seus cartos. Propúñase modificar disposicións das leis de reestruturación bancaria para que isto fose posíbel.

Mais o goberno español ven de impedir que esa proposta chegue sequera a ser debatida no Congreso. Afirma que o 80% dos minoristas afectados polas preferentes recuperaron xa todos os seus cartos e que o 20-25% restante si que recuperou menos. Mais que de non ser así o custo da inxección aos bancos tería que ser moito maior. O executivo de Mariano Rajoy afirma que de se aprobar esta proposición do Parlamento de Galiza habería un importante aumento do déficit público.