Gonzalo Caballero aposta na fin das baronías provinciais para consolidar o seu liderado no PSdeG

Gonzalo Caballero aposta na fin das baronías provinciais para consolidar o seu liderado no PSdeG
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Arquivo / PSdeG]
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG [Imaxe: Arquivo / PSdeG]  

O secretario xeral do PSdeG, a pesar de declarse formalmente neutral, entrou no debate das primarias provinciais do partido chamando a evitar “virreinatos”. Dolores Villarino, unha das dirixentes de máis peso da executiva de Caballero, apelou a afiliación socialista a votar por un “partido de militantes e non de baróns”. Os e as socialistas de Lugo e Pontevedra escollen este domingo os seus novos liderados.


Gonzalo Caballero sabe que a secretaría xeral do PSdeG, que vén de lograr após o recente congreso galego do seu partido, pode ser unha casca baleira de non lograr que apoio das bases se traduza tamén na remuda dos organismos e referentes provinciais e comarcais. Caballero xógase nas primarias provinciais, que encetan este domingo en Lugo e Pontevedra, en grande medida a fortaleza do seu liderado. Para consolidalo, a pesar de declararse neutral diante das diferentes opcións que concorren, ten acrecentado nos últimos días o seu chamado a dotar o partido de organismos provinciais que lle permitan baixar liña, desde o ámbito galego até a base. Nese sentido, as baronías, que historicamente supuxeron un potente contrapoder no seo do PSdeG, son un claro obxectivo a bater. 

 

“As distintas organizacións provinciais terán a tarefa de acompañar a folla de rota marcada no último Congreso nacional e que ten depositada a lexitimidade democrática na executiva galega”, advirte o secretario xeral dos socialistas galegos.  Caballero, que desexou sorte a todas as candidaturas que optan a facerse co control do partido a nivel provincial en Pontevedra e Lugo, reivindicou “un partido da militancia e non das baronías e os virreinatos de poder”. “Esa foi a proposta coa que este secretario xeral se presentou ás primarias e logrou un resultado nítido nas catro provincias”, remarcou.

 

Pola súa banda, Dolores Villarino, unha das dirixentes con maior peso na nova dirección galega, reivindicou unha “participación masiva” para que a militancia escolla, a través do “voto secreto” (sic) os candidatos que mellor representen a militancia. Villarino amosouse moi crítica coas “baronías territoriais” que cualificou de “pesebres ligados ás deputacións”. A secretaria de Política Institucional do PSdeG lembrou que tamén Pedro Sánchez, a nivel estatal, e o propio Gonzalo Caballero, lograron imporse aos aparellos co empurre da militancia. 

 

Lugo e Pontevedra

Este domingo celebraranse as primarias provinciais para designar o novos liderados socialistas en Lugo e Pontevedra. En ambos os dous casos a militancia escollerá entre varias opcións. En Lugo, concorren Xosé María Arias, alcalde Castroverde, Álvaro Santos, voceiro socialista na Deputación e mais Patricia Otero, tenente de alcalde en Burela. 

 

En Pontevedra a disputa redúcese a dous aspirantes. Dunha banda, David Regades un dos homes fortes do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e un dos principais soportes de Carmela Silva á fronte da Deputación. O rexedor vigués e a presidenta da Deputación están abertamente enfrontados ao actual secretario xeral do PSdeG. Evitar que o PSOE vigués continúe a exercer o control provincial –que até hoxe detenta o tamén vigués Santos Hector-- pasaría por unha vitoria do outro aspirante, o redondelano Eduardo Reguera, reforzando desta maneira o liderado de Gonzalo Caballero no sur. 



x