Gonzalo Caballero gaña forza en Lugo

Gonzalo Caballero gaña forza en Lugo
Un aspecto do acto de Gonzalo Caballero en Viveiro
Un aspecto do acto de Gonzalo Caballero en Viveiro  

As agrupacións socialistas de Lugo non tomaron vacacións este verán. A oito días do arranque da recollida de avais para poder participar nas primarias que elixiran ao vindeiro secretario xeral do PSOE en Galiza, os dous candidatos con posibilidades de conseguir a elección, Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada, intensifican unha campaña que os levou xa a percorrer un número importante de localidades luguesas


Así, Gonzalo Caballero visitou entre outros os concellos  de Monforte, Chantada, Riotorto, Barreiros, O Valadouro, Foz ou Viveiro ao tempo que membros da súa equipa facían un traballo silencioso pero se cadra máis efectivo noutras tantas agrupacións da zona centro. Pola súa banda Villoslada mantivo encontros de diverso formato nun número maior de localidades, destacando os celebrados en Chantada, Sarria, Guitiriz, Lugo, Lourenzá, Burela ou Viveiro. O terceiro candidato en disputa, Xaquín Fernández Leiceaga, non visitou ningunha das agrupacións de Lugo, coincidindo a práctica totalidade das fontes consultadas que as súas posibilidades de acadar a secretaria xeral son nulas até o punto  de dubidar das súas posibilidades de acadar os avais suficientes para se presentar ás primarias.

 

Villoslada é o candidato preferido polo aparato lugués. A súa alternativa, impulsada e patrocinada polo presidente da deputación da Coruña Valentín Formoso e pola presidenta da xestora galega Pilar Cancela, contou desde o primeiro momento co apoio de  pesos pesados do socialismo lugués como Lara Méndez, Darío Campos ou Xosé Ramón Gómez Besteiro. Mesmamente, o antigo secretario xeral do PSOE en Galiza chegou a reunirse con Abel Caballero, a fin de conseguir o apoio deste para Díaz Villoslada, nunha xestión que resultou falida diante da negativa do alcalde vigués a apostar nocandidato promovido polo aparato coruñés. Ao longo do verán outros dirixentes próximos a Besteiro, como os deputados provinciais,  Pilar Porto ou Eduardo Vidal expresaron tamén o seu apoio a Villoslada; porén, o coruñés non dá conseguido o favor da militancia. Un exemplo disto atopámolo na minguada asistencia aos seu actos, en contraste coa nutrida participación dos organizados por Gonzalo Caballero, ou no carácter dos presentes, fundamentalmente cargos orgánicos ou institucionais do partido.

 

Gómez Besteiro tentou convencer a Abel Caballero  de apoiar a Díaz Villoslada con resultados negativos

 

As posibilidades de Gonzalo Caballero aumentan en Lugo a medida que se achega o proceso de primarias. Ao núcleo inicial de dirixentes que o apoiaban como o antigo concelleiro lugués Xosé Luís Díaz, o deputado autonómico do Saviñao Xosé Antonio Quiroga ou a concelleira de Chantada Raquel López, sumáronselle nos últimos tempos cadros de relevo como os alcaldes de Pedrafita, Guitiriz ou Burela, Xosé Luís Raposo, Rexina Polín ou Alfredo Llano, respectivamente. Outros militantes cualificados, fundamentalmente alcaldes da Mariña, da Montaña ou da Terra Chá, non agochan as súas simpatías coa candidatura do de Vigo, até o punto de que a alcaldesa de Sarria, Pilar López, destacada susanista. aposta tamén en Gonzalo Caballero. Aínda así a forza deste radica na filiación de base, cuxa asistencia non só duplicou de longo á presente nos actos de Díaz Villoslada, senón que se atopa moito máis mobilizada e convencida da súa posibilidade de éxito. Ao seu favor xoga tamén a posición de brazos caídos mantida por parte dos susanistas, que lonxe de apoiar en bloque e activamente a lista de Díaz Villoslada, manteñen unha posición de indiferenza ou mesmo de apoio a Caballero.

 

A presenza da militancia nos actos de Gonzalo Caballero supera o número de asistentes aos actos de Villoslada

 

O resultado das primarias mantense máis aberto en Lugo do que inicialmente se prevía, non atrevéndose ninguén a esta altura en determinar cal dos dous candidatos resultará vencedor. Haberá que agardar logo ao remate do período de recollida de avais, o 20 de setembro, e tamén ás semanas previas á votación, o 8 de outubro, para ter unha visión máis precisa do proceso; malia a todo, son varias as certezas que cómpre sinalar a esta altura do mesmo. Ninguén dúbida que Díaz Villoslada contará con todo o apoio da deputación de Lugo na súa campaña, nunha provincia na que a organización socialista é absolutamente dependente desta institución, sexa polas relacións que se estabelecen cos diferentes concellos, sexa polo alto número de cadros do partido cuxa retribución depende da corporación provincial. Está por ver a capacidade de resistencia da filiación e dos cadros medios á presión ao que se van a ser sometidos polos responsábeis da Deputación e polo aparato do partido, moitos deles liberados a conta da institución provincial, pero tamén da reacción da militancia a unha presión que destacados dirixentes próximos a Caballero consideran irrespirábel. 

 

 

 

 

A presenza da militancia nos actos de Gonzalo Caballero multiplica aos asistentes aos actos de Díaz Villoslada.



x