Gonzalo Caballero mostra a súa disponibilidade a liderar o PSdeG

Gonzalo Caballero mostra a súa disponibilidade a liderar o PSdeG
Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero  

Unhas declaracións do economista vigués á Radio Galega confirman a información oferecida este sábado por Sermos


Na cúpula do PSdeG hai varias semanas que se dá por suposto que Gonzalo Caballero -eleito este domingo como membro do Comité Federal do PSOE- disputará a secretaría xeral do partido socialista na Galiza no próximo proceso de primarias.

 

Segundo as fontes consultadas por Sermos, Caballero tiña decidido concorrer ás primarias xa antes das primarias do 21M. O profesor da Universidade de Vigo comprobou que había auga na piscina nesa campaña interna, tanta que até a súa lista foi quen de derrotar o seu propio tío, o alcalde da cidade Abel Cabellero, na urbe olívica.

 

Esta segunda feira, deixou entrever as súas intencións nunha entrevista coa Radio Galega: "Se o conxunto da organización considera que debo xogar un papel, xogareino; se non, seguirei xogando o papel de referencia de debate, de participación, que teñoxogado desde hai moito tempo e sen pretensión persoal nin aspiración concreta".

 

Con quen competirá Gonzalo Caballero? A xulgar polos seus últimos movimentos -a súa entrada xa non na Executiva federal, senón mesmo na permanente da cúpula do PSOE- non con Pilar Cancela, a presidenta da xestora do PSdeG. Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, é outro dos nomes en boca dos notábeis socialistas cando se suscita esta cuestión.

 

Mentres, quen tampouco se desbota abertamente é Xaquín Fernández Leiceaga, o portavoz do grupo parlamentar e candidato á presidencia da Xunta nas galegas de setembro de 2016. Esta segunda feira, inquirido polos meios, desviou a cuestión argüíndo que aínda era cedo para se pronunciar ao respeito.



x