PODEMOS E EU DESALENTARON AS SÚAS BASES A IREN AO CONCLAVE

O grao de participación, chave no desenlace do plenario de En Marea

O grao de participación, chave no desenlace do plenario de En Marea
Inscritas e inscritos a se acreditaren
Inscritas e inscritos a se acreditaren  

Desde as 9.30 hai xa persoas a se acreditaren no plenario de En Marea, o máis decisivo conclave da confluencia. Están chamadas a participar por volta de 2.400 inscritos e inscritas. No plenario de decembro a participación rondou as 500 persoas. Un elemento que conspira contra a elevación sensíbel desa cifra é o chamado a non ir ao conclave feito por Esquerda Unida e Podemos Galicia. De todos xeitos, nas últimas horas apreciouse unha maior mobilización dos distintos segmentos organizados, quer da corrente villarista -xa moi activada desde hai semanas- quer da crítica.


"Se acabasen participando por volta de 700 inscritos e inscritas xa poderíamos falar dun éxito de participación", afirmaron a Sermos desde En Marea. Nas últimas horas a impresión é que hai unha mobilización superior á que cabería agardar desde que primeiro Esquerda Unida e despois Podemos desalentasen a participación.

 

En xogo está quer a focaxe política quer a organizativa da confluencia. Esta sexta feira, Villares moveu ficha no taboleiro a oferecer un pacto sobre o documento político ao bloco organizado arredor da lenda Recuperar en Marea. A luva non foi recollida, se nos atemos ao dito pola corrente crítica no seu blogue. Mais a batalla máis cruenta agarda nos aspectos regulamentarios e organizativos, e nomeadamente aqueles que teñen a ver coa cuestión da portavocía. O grupo dirixente actual non quer cambios -quer manter o esquema de Villares como portavoz acompañado de dúas viceportavocías- en canto que Recuperar en Marea postula a portavocía colexiada e rotatoria, o que na práctica significaría a saída do ex xuíz do primeiro plano orgánico.

 

Cabe unha solución de compromiso? Nunca se pode desbotar algún tipo de arranxo, mais o probábel é que este asunto se acabe dilucidando nunha votación que mediría as forzas do que, no voto presencial, representan os segmentos en conflito neste plenario.

 

A primeira votación significativa será xa ás 11.30 cando se submeta a consideración das persoas presentes no Pazo de Congresos a rendición de contas do Consello das Mareas, o máximo órgao da confluencia entre plenarios.

 

O debate do relatorio político está axendado para as 12.30 horas, mentres que as teses organizativas se discutirán a partir das 16 horas.

 

Hai unha ligazón de Youtube para acompañar as partes en aberto do plenario.



x