Pablo Iglesias anuncia un recurso contra o 155 após os deputados de Podemos absterse no Hórreo

Pablo Iglesias anuncia un recurso contra o 155 após os deputados de Podemos absterse no Hórreo
Pablo Iglesias
Pablo Iglesias  

22 de novembro. Unha iniciativa do BNG contra o artigo 155 pon en evidencia a división interna no seo do grupo parlamentar de En Marea a respeito da cuestión catalá. Deputados de Cerna e Anova preferiron ausentarse antes de secundar a abstención preconizada pola dirección da confluencia. 30 de novembro. Pablo Iglesias -no fragor da precampaña- anuncia que Podemos vai recorrer a aplicación do 155 perante o TC. O 22-N a súa xente no Parlamento galego perdeu a oportunidade de votar contra o despregamento dese artigo.


O anuncio de Iglesias de que vai levar ao Tribunal Constitucional a aplicación do 155 en Catalunya ten un inequívoco cheiro eleitoralista, tendo en conta que os efeitos do despregamento do artigo son virtualmente irreparábeis -a destitución do Govern, a disolución do Parlament e a convocatoria de eleccións 'autonómicas' para o 21-D. Coa composición actual do TC, parece descabelado pensar nunha sentenza que declarase ilegal a suspensión do autogoberno catalán decretada o 27 de outubro -o mesmo día en que o Parlament aprobou a DUI- polo Goberno Rajoy.

 

Con este aceno, Podemos tenciona claramente reforzar as expectativas eleitorais da candidatura dos comúns que encabeza Xavier Domènech, unha lista que aspira a cazar votos tamén nos caladoiros soberanistas embora a confluencia catalá non ter apoiado a realización do referendo do 1-O (si o fixo o referente catalán de Podemos, Albino Dante-Fachín, caído en desgraza perante a cúpula estatal do seu partido precisamente por iso).

 

En chave de política galega, o anuncio de Iglesias pon en evidencia a posición dos 7 deputados de Podemos que fan parte do grupo parlamentar de En Marea no Pazo do Hórreo. Os parlamentares da formación morada abstivéronse o pasado día 22 de novembro no pleno perante unha iniciativa do BNG en que se instaba o goberno central a suspender a aplicación do artigo 155, alén de "manifestar o rexeitamento á criminalización [do soberanismo catalán] e xudicialización, así como o recorte de dereitos e liberdades, que está a levar adiante o goberno español diante dun conflito político”. O Bloque demandaba tamén o recoñecimento do direito de autodeterminación de Galiza, Euskadi e Catalunya e a liberación dos presos políticos cataláns.

 

Fontes consultadas por Sermos apontan a que mesmo na reunión do grupo parlamentar de En Marea previa ao pleno do 22-N voces de Podemos Galiza defenderon o voto contrario a esta iniciativa. Finalmente, a posición maioritaria foi a da abstención, o que, porén, non evitou que se visualizase a división interna da confluencia, ao decidiren os parlamentares de Cerna e Anova -ben como a independente Ánxeles Acuña- ausentarse da cámara para se desmarcaren desa decisión.



x