A independencia de Cataluña, na axenda de Merkel e Juncker

A independencia de Cataluña, na axenda de Merkel e Juncker
(Imaxe: European Council)
(Imaxe: European Council)  

A chanceler alemá e o presidente da Comisión Europea mantiveron unha conversa telefónica sobre unha posible declaración do Parlament. Os ministros europeos de Economía teñen previsto abordalo tema a próxima semana.


As institucións europeas comezan a mover ficha ante a posible declaración de independencia en Cataluña. A chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, mantiveron unha conversa telefónica onde discutiron sobre a situación que se vive no Estado español após o 1-O, apuntan fontes comunitarias consultadas por Reuters. 
 

Non transcenderon máis detalles pero, segundo a axencia de noticias, é unha sinal inequívoca da crecente incerteza que existe entre os líderes europeos. Juncker mantivo a conversa desde a India, onde se atopa nun encontro bilateral. 

"Os ministros europeos de Economía debaterán esta semana o impacto dunha posible independencia"

Na mesma liña, está previsto que os ministros europeos de Economía aborden o impacto da independencia sobre as finanzas comunitarias esta segunda e terceira feira en Bruxelas. Malia non estar formalmente na orde do día, funcionarios europeos aseguran á mesma axencia que o tema formará parte principal da axenda.

 

O apoio público dos principais líderes europeos ao presidente Mariano Rajoy, en especial pola preocupación de que alimente outras aspiracións soberanistas, non esconde o rexeitamento fronte á represión policial para impedir o referendo.

 

A propia Merkel tería chamado Rajoy para pedirlle explicacións pola represión policial do pasado 1 de outubro en Cataluña. 

 

A Comisión Europea xa se manifestou nese sentido, instando as partes a encontrar unha solución política. Outros líderes,  como o primeiro ministro belga, o valón Charles Michel, censurou a represión contra os colexios eleitorais, e afirmou que a violencia "nunca pode ser a resposta".

 



x