A CRISE DO PSOE

Leiceaga brinca na súa primeira comparecencia como portavoz ante os meios: “Esperemos que non sexa a última”

Leiceaga brinca na súa primeira comparecencia como portavoz ante os meios: “Esperemos que non sexa a última”
Foto: Irene Pin
Foto: Irene Pin  

O portavoz do grupo parlamentar do PSdeG fixo da necesidade virtude e surprendeu a quen o ten por unha persoa sen sentido do humor.


Xaquín Fernández Leiceaga sábese no albo do sector crítico, o liderado por Abel Caballero e Carmela Silva na Galiza, despois de ficar na terceira praza o 25S, superado por En Marea en número de votos, embora non en escanos (empate a 14).

Durante a campaña, Leicega apenas se empregou na batalla interna e fixo esforzos notábeis por tomar distancia da dinámica estatal, nun momento en que Pedro Sánchez aínda mantiña a secretaría xeral do Partido, en pleno acoso por parte das hostes de Susana Díaz. Porén, ninguén dubida no partido que o doutor en Económicas está aliñado co sector que na Galiza agora encabeza Pilar Cancela, a presidenta da Xestora. Leicega foi sempre un home de Besteiro, o anterior secretario xeral, cuxa influencia neste grupo continúa a ser moi notoria.

No seu debut perante a imprensa esta segunda feira para se apresentar como portavoz, Leicega optou pola brincadeira: “É a miña primeira comparecencia, agardemos que non sexa a última”.

En realidade, todo indica que manterá sen problemas a portavocía mentres non se resolver o conflito interno no partido e iso non acontecerá até que se materialice o próximo congreso galego.

De se impor nese conclave o sector de Caballero, as opcións de Leiceaga para continuar son nulas. Aí aparecería a alternativa de Abel Losada, o home do alcalde de Vigo no Pazo do Hórreo.

Na conferencia de imprensa desta segunda feira, Leiceaga informou de que xa se ten constituído a permanente do grupo parlamentar do PSdeG, composta por Patricia Vilán e Luís Álvarez -como viceportavoces primeira e segundo, respectivamente- ben como pola cabeza de lista por Ourense, Noelia Blanco, e polo coruñés Juan Manuel Díaz Villoslada, como secretario xeral. Fica vacante a presidencia do grupo, como xa anticipara este domingo Pilar Cancela.

Leiceaga anunciou unha oposición “responsábel, propositiva e útil para a cidadanía”.