Lugo: gañou Caballero, perdeu Besteiro

Lugo: gañou Caballero, perdeu Besteiro
Gonzalo Caballero, nun acto coa militancia de Lugo.
Gonzalo Caballero, nun acto coa militancia de Lugo.  

Os resultados das primarias en Lugo son claros. Aínda que a candidatura de Gonzalo Caballero  non acadou unha diferenza tan significativa fronte ao seu rival Xoán Díaz Villoslada como en Pontevedra ou Ourense, a súa porcentaxe de apoios situase en 55%, isto é 756 votos contra os 622 do seu contrincante, cunha participación de 70% do censo, a máis alta das circunscricións electorais galegas. O trunfo do de Vigo é homoxéneo na totalidade das comarcas, situándose tamén como o candidato preferido na capital con 56 % dos papeletas, conseguindo a vitoria en vilas importantes como Mondoñedo, Foz, Ribadeo, Chantada  e acadando o trunfo en varios dos concellos gobernados polo PSOE como Burela, Castroverde, Guitiriz ou Becerreá. Os mellores resultados de Villoslada correspóndense con aquelas localidades onde a influencia dos besteiristas é máis decisiva, acadando a vitoria en vilas como Viveiro, Monforte ou Vilalba e en pequenas localidades como Antas de Ulla e Láncara, onde os portavoces do partido son tamén deputados provinciais.

 

A vitoria ten nomes. Os resultados do pasado domingo avalan o traballo da equipa de Gonzalo Caballero, onde destacan o deputado autonómico Xosé Antonio Quiroga, o alcalde de Burela Alfredo Llano ou o ex concelleiro da capital Xosé Luís Díaz. O primeiro conseguiu un trunfo claro na comarca da Ribeira Sacra, onde só se lle resistiu Monforte, liderado polo alcalde  besteirista Xosé Tomé. Outro tanto acontece na Mariña con Llano e en Lugo con Xosé Luís Díaz que consegue derrotar a alcaldesa Lara Méndez, contando, iso si, co apoio das xentes de Ricardo Varela. O sector susanista, do que fan parte entre outros Ricardo Varela, Manuel Martínez ou Xosé María Arias, enfrontado nos últimos tempos a Besteiro, tórnase decisivo. Non só gañan con claridade nos seus feudos de Navia de Suarna, Castroverde ou Becerreá, senón que a súa achega noutras localidades como Foz ou Ribadeo é determinante para o resultado final.

 

Se os grandes triunfadores das primarias socialistas na provincia de Lugo  son Caballero e o sector susanista, os derrotados son Besteiro e os seus fieis, atrincheirados nos postos de responsabilidade da Deputación de Lugo

 

Non hai vencedores sen vencidos. Se os grandes triunfadores das primarias socialistas na provincia de Lugo son Gonzalo Caballero e o sector susanista, os derrotados son Xosé Ramón Gómez Besteiro e os seus fieis, atrincheirados nos postos de responsabilidade da Deputación de Lugo. Rematou, ao fin, o tempo político do antigo presidente da corporación provincial que non resistía a tentación de volver a primeira liña unha vez resoltos os seus problemas xudiciais  pero tamén daqueles colaborades máis próximos carentes de poder territorial e peso orgánico no partido. Neste grupo atópanse algúns dos nomes da xestora, como o seu presidente Lucho Lago Lage, liberado na Deputación e que xogou un papel moi activo na campaña ou deputados provinciais que após apostar claramente por Villoslada non conseguiron o apoio dos seus compañeiros. A nova situación afecta de xeito moi  particular aqueles deputados provinciais que sofreron sonoras derrotas nos seus partidos xudiciais e que non son alcaldes como Eduardo Vidal, Pilar García Porto, Sonsoles Izquierdo e Pablo Rivera, cuxo continuidade política vese gravemente comprometida.

 

A batalla de Lugo continúa. A parte reservada do acordo entre Gonzalo Caballero e Xaquín Fernández Leiceaga establece trasladar o pacto galego aos congresos provinciais a fin de conseguir unha nova maioría que remate co poder dos actuais baróns atrincheirados nos gobernos das deputacións. Porén, a xogada non é doada, dada a dificultade de trasladar mecanicamente unha maioría dun proceso a outro pero sobre todo pola ausencia dun candidato claro que poida liderar unha alternativa á proposta do besteirismo. A día de hoxe este sector continúa a apostar como opción máis segura por Álvaro Santos, portavoz do PSOE na Deputación e concelleiro en Friol, se ben comezan a soar outros nomes como o do alcalde de Monforte Xosé Tomé. Á espera de cómo se resolvan os acontecementos nas próximas semana, desde a nova maioría gobernante deixan claro que a futura dirección do PSOE en Lugo ten que estar en sintonía coa que resulte do congreso galego e que a representación socialista na deputación de Lugo, ao igual que no conxunto das galegas, deberá ser renovada a fondo após as próximas municipais.

 

Entresacados:

 

 

Se os grandes triunfadores das primarias socialistas na provincia de Lugo  son Caballero e o sector susanista, os derrotados son Besteiro e os seus fieis, atrincheirados nos postos de responsabilidade da deputación de Lugo.



x