Luz verde á proposición de En Marea para que non se recalifique o monte queimado antes dos 30 anos

Luz verde á proposición de En Marea para que non se recalifique o monte queimado antes dos 30 anos
Imaxe: Irene Pin
Imaxe: Irene Pin  

A Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Congreso aprobou a proposición non de lei que demanda a derrogación do cambio feito polo PP na Lei de Montes de 2015 para que se poidesen recalificar terreos calcinados


En xuño de 2015 o PP introducía no proceso de trámite da Lei de Montes no Senado un cambio que ía ser duramente criticado e cuestionado, o que fai referencia á superficie queimada nos incendios. “Causou un grande malestar a modificación realizada polo PP a última hora cambiando o contemplado na lexislación anterior. O PP introduciu o artigo 50.1, que abriu a posibilidade a que se permita a construción nunha superficie forestal queimada antes dos 30 anos cando “concorran razóns de interese público de primeira orde”, afirma Alexandra Fernández, portavoz de En Marea. Para reverter isto, a coligazón galega presentou unha proposición non de lei que pide a derrogación dese cambio feito polo Partido Popular na Lei de Montes. A Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aprobou esta cuarta feira, e cos únicos votos en contra dos populares, a iniciativa de En Marea.

Alexandra Fernández lembrou que a lei do PP contou cun frontal rexeitamento non só da oposición parlamentar senón que foi moi cuestionada polos axentes forestais, as organizacións ecoloxistas e organizacións de montes galegas”. Era unha norma, dixo, que engadiría inseguridade xurídica, abriría a porta á degradación de bens ambientais, sen esquecer que vulnera competencias autonómicas claras”.

Fernández subliñou que non existía demanda “nin política nin social para cambiar a Lei de Montes, unha lei que non supuxo unha mellora na xestión forestal integral, invade competencias co único propósito de recentralizar e resta responsabilidades aos axentes forestais para investigar delitos ecolóxicos”.