Manuel Martínez aspira a condicionar a Deputación de Lugo após as municipais

Manuel Martínez aspira a condicionar a Deputación de Lugo após as municipais
Elena Candia -alcaldesa de Mondoñedo e ex presidenta da Deputación polo PP- e Manolo Martinez
Elena Candia -alcaldesa de Mondoñedo e ex presidenta da Deputación polo PP- e Manolo Martinez  Foto: PP

A saída de Manuel Martínez do goberno da Deputación de Lugo non significa o abandono da primeira liña de actividade política; pola contra. o alcalde de Becerreá promove unha nova alternativa política para concorrer ás municipais en diversos concellos de Lugo co obxectivo de condicionar a gobernabilidade da corporación provincial.


A exclusión de Manuel Martínez do goberno da Deputación de Lugo e a súa do PSdeG representa o punto de arranque da campaña das eleccións municipais e o comezo dunha nova etapa na súa traxectoria pública onde aspira a determinar a gobernabilidade da corporación provincial após os vindeiros comicios locais. Están por determinar os apoios reais cos que conta para esta viaxe e as persoas que o acompañaran neste proxecto, porén non hai dúbida ningunha da vontade do alcalde de Becerreá en promover unha forza política independente que concorra no maior número de concellos lucenses e que posibiliten a súa volta ao Pazo de San Marcos pola porta grande. O propio Martínez, nunha das súas primeiras comparecencias públicas após facerse efectiva o seu abandono das filas do grupo provincial socialista, confirmou este suposto, afirmando a súa intención de “presentarse as vindeiras eleccións municipais nunha candidatura de carácter veciñal coligada con outras listas presentes ou que xurdan noutros concellos da provincia” 

 

A forza política que impulsa Martínez tería como promotores a algúns candidatos independentes que operan nas terras de Lugo e a militantes do Partido Socialista próximos ao alcalde de Becerreá ou enfrontados coa súa actual dirección provincial, conformada por persoas do círculo de confianza de Gómez Besteiro. Así, entre os primeiros, atoparíamos a Xesús Otero, subdelegado do goberno na etapa de Zapatero, alcalde independente de Monterroso e no seu momento inhabilitado após condena por unha fraude na retirada de multas de tráfico na súa etapa á fronte da subdelegación, ou a Manuel Varela, rexedor de Chantada, primeiramente nas filas populares e desde hai dúas lexislaturas nunha candidatura veciñal. Algúns dos socialistas que acompañarían a Martínez, alén dos oito concelleiros deste partido en Becerreá, serían Xaime Cancio, antigo delegado de pesca do bipartito, exconcelleiro en Foz e cargo de confianza na deputación, ficando a espera da posición final do alcalde de Castroverde ou Navia de Suarna, até agora ligados a Martínez, pero cuns concellos moi dependentes do apoio da goberno provincial.

 

Os primeiros pasos da nova formación, centrando os seus esforzos naqueles partidos xudiciais máis favorábeis para acadar actas na deputación, deixan claro a intención de Martínez de volver á corporación provincial e condicionar o seu goberno. Unha primeira batalla libraríase no partido de Chantada, formada polas comarcas da Ulloa e do Asma, onde actualmente reparten os dous representantes populares e socialistas, se ben algunhas das súas localidades máis populosas, entre elas Chantada e Monterroso, están gobernadas por candidaturas que farían parte da alternativa de Martínez. Así, abondaríalles con manter a súa porcentaxe de voto nestes dous concellos e mellorar os seus resultados en Palas de Rei, o outro núcleo de poboación importante e cun grupo de goberno do PP á agarda da súa inhabilitación definitiva polo Tribunal Supremo, para arrebatar un deputado ao PSOE. A outra das contendas viviríase no partido xudicial de Lugo, onde a resultante final dependería, a máis do contribúo de Martínez na área  dos Áncares, da decisión do alcalde de Castroverde e da posibilidade de presentar unha candidatura con garantías en Sarria e en Lugo, para cuxa cabeza sona insistentemente Xesús Otero.


A aparición desta forza política, nun principio destinada a medrar a costa dos socialistas, e a saída das filas do PSOE de Manuel Martínez, significado ariete contra Pedro Sánchez e Gómez Besteiro, introduce máis incertezas e novas interrogantes na política luguesa. A esta altura, o único proxecto político de Manuel Martínez chámase Manuel Martínez e en función diso dará os seguintes pasos políticos, condicionado, segundo as fontes consultadas por Sermos Galiza, coñecedoras da posición do alcalde de Becerreá, “pola carraxe contra os que foron os seus compañeiras, polo  orgullo ferido -o seu grande soño foi e é presidir a deputación- e polo seu personalismo característico, alimentado nos últimos tempos polo circulo próximo... todos eses elementos abren a porta á saída máis disparatada”. Son moitos os feridos que deixa atrás Martínez, fundamentalmente entre os seus propio ex compañeiros, quer dentro quer fóra de Lugo, sinalándose entre estes últimos Gonzálo Caballero, quen recibiu o apoio de Martínez nas primarias e que agora fica sen un puntal no bastión besteirista.


 



x