En Marea avalía que o seu plenario a converte na alternativa para facer da Galiza un país mellor

En Marea avalía que o seu plenario a converte na alternativa para facer da Galiza un país mellor
Un aspecto da sesión matutina do plenario, o momento de maior afluencia de inscritas e inscritos
Un aspecto da sesión matutina do plenario, o momento de maior afluencia de inscritas e inscritos  

Os debates realizados no Pazo de Congresos "non tiveron perdedores e si un claro gañador, a cidadanía galega", enfatiza un Luís Villares que sobreviviu politicamente ao desafío que lle formularon os segmentos críticos, aos que se sumou Beiras -quen, a diferenza dos ausentes Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, si estivo no plenario.


Luís Villares -nunha comparecencia ao termo do plenario- puxo en destaque a aprobación por parte da asemblea dun documento que define En Marea "como alternativa política das maiorías sociais" e sobranceou a incorporación de moitas emendas ao relatorio oficial.

 

Para o portavoz, que consegue selo único após derrotar a emenda dos críticos a prol dunha voceiría colexiada e rotatoria, o plenario foi "unha demostración de forza democrática e de capacidade de debate". Ás avesas dos partidos convencionais, razoou Villares, "nós entendemos que non ten que ser A ou B, que ten que ser A+B porque a suma de ambas ten que dar no alfabeto completo".

 

En Marea sobranceou tamén que neste plenario se converteu na primeira forza política en retransmitir os seus debates íntegros en streaming, através dunha ligazón de Youtube en que se pode voltar a visualizar o desenvolvemento da asemblea.

 

Críticas de Anova

 

Por súa parte, Anova Irmandade Nacionalista emitiu tamén un comunicado en que mantén a súa visión crítica da evolución da confluencia e, após parabenizar as persoas que tomaron parte no plenario, chamou a "todos os espazos que, desde a orixe, estiveron implicados na construción da Unidade Popular a un proceso de autocrítica e compromiso para reverter a situación actual e fortalecer e dar azos e continuidade á ferramenta de ruptura que ten que volver ser En Marea".

 

Critica Anova que a emenda á totalidade de Recuperar en Marea fose tramitada no plenario "como unha simple emenda máis". "O debate político non é unha cuestión de orde nin a introdución dun papeliño nunha caixa", argumenta a formación liderada por Antón Sánchez.

 

Anova aludiu tambén á baixa participación no conclave (en que brillaron pola súa ausencia algúns dos seus referentes, entre eles Martiño Noriega). "Miramos, iso si, con inquedanza a diferenza entre as previsións e a participación final, o que nos suscita a reflexión de que debemos seguir traballando para conseguir o compromiso activo da maioría social da que somos parte", afirma.

 



x