GÓMEZ-REINO DENUNCIA O "ABANDONO" DO PAÍS

En Marea censura Rajoy pola corrupción, mais tamén polas súas políticas na Galiza

En Marea censura Rajoy pola corrupción, mais tamén polas súas políticas na Galiza
Antón Gómez-Reino dirixíndose á tribuna
Antón Gómez-Reino dirixíndose á tribuna  Foto: Dani Gago

Antón Gómez-Reino subiu á tribuna do Congreso, na quenda do grupo confederal Unidos Podemos, para denunciar o "abandono" do país por parte do goberno Rajoy.


"Desde En Marea imos censuralo!", enfatizou Gómez-Reino, dirixente de Podemos que estes meses exerce a portavocía rotatoria da confluencia galega. O goberno de Rajoy é censurábel "pola súa corrupción, pero tamén polas súas políticas, especialmente na Galiza, onde reduciron o investimento máis de 30 por cento nos últimos orzamentos".

 

No seu discurso, responsabilizou o goberno Rajoy do estado das rías galegas e atacou o executivo estatal por permitir que ENCE as vaia continuar "contaminando" durante os próximos 60 anos. No discurso de Gómez-Reino desfilaron tamén asuntos como a transferencia da AP9 -votada a prol polo PP no Pazo do Hórreo e bloqueada polo mesmo partido no Congreso dos Deputados- ou a recente compra por un euro do Popular-Pastor por parte do Banco de Santander. As políticas estatais estaríanse a traducir, denunciou, no "abandono" do país.

 

Tamén houbo oco no seu discurso para a cuestión nacional, formulada nestes termos: "Galiza é un suxeito de cambio. Nós aportamos solucións ao reto plurinacional, apostando polo diálogo, a fraternidade e o direito a decidir".



x