En Marea denuncia que a Lei de Rehabilitación favorece “o abandono e a especulación"

En Marea denuncia que a Lei de Rehabilitación favorece “o abandono e a especulación"
O viceportavoz de En Marea Antón Sánchez. Foto: cedida.
O viceportavoz de En Marea Antón Sánchez. Foto: cedida.  Foto: En Marea

A Lei de Rehabilitación favorecerá “o abandono e a especulación”. Polo menos así o considera o grupo parlamentario de En Marea, cuxo viceportavoz Antón Sánchez denunciou esta mañá un texto, presentado polo Partido Popular, que “non ordena nada, senón que revolve, remexe e estende a confusión normativa”.


A norma xa pasou por un período de suxerencias e foi modificada en diversos puntos. Sánchez lamenta que a “falta de previsión” do Partido Popular provoque continuas colisións entre leis recentemente aprobadas no Parlamento de Galiza. “A Lei do Solo, aprobada hai dous anos, leva xa catro modificacións. De aprobarse a de Rehabilitación, serían unhas cantas máis”. O mesmo sucedería coa de Patrimonio.

 

“O PP prolonga unha mala práctica: aprobar leis que derrogan parcialmente outras leis, pola porta de atrás”, asegura. Antón Sánchez critica, ademais, a falta de orzamentos públicos na aplicación da normativa: “O problema non é facer unha lei, senón dotala de orzamento público. Do contrario, entra o capital privado a facer negocio”.

 

Segundo o viceportavoz de En Marea, o documento lexislativo “non ten en conta as persoas que viven nas zonas que se queren rehabilitar e rexenerar”. E engade: “É unha lei que libera ás peores forzas do mercado especulativo. Non queremos só políticas de renovación arquitectónica, queremos lei que non expulsen as xentes das súas casas, dos seus barrios, para que veñan fondos de inversión, lobbys, sacar diñeiro”.

 

O tamén portavoz de Anova lembrou, nunha comparecencia de prensa no Hórreo, que “apenas está regulada a rehabilitación da cidade xa existente. Bótanse de menos políticas para actuar dentro da cidade e nos núcleos rurais xa contruiídos”. A maiores, afirmou que o texto contén  trazas “de discutíbel axuste á legalidade”.

 

Como exemplos, colocou o caso da expropiación forzosa aínda cando non haxa un consentimento do propietario. Segundo el, contradí a Lei do Solo e a Lei de Expropiación Forzosa, que “en ningún caso inclúen este feito”. Tamén o canon de abandono, que para o deputado “favorece o abandono e o abandono rural e urbano só xera especulación”.



x