En Marea pide un incremento na partida da RISGA

En Marea pide un incremento na partida da RISGA
Paula Vázquez Verao
Paula Vázquez Verao  

Paula Vázquez Verao compareceu en conferencia de imprensa no Parlamento galego para demandar á Xunta unha mudanza na súa estratexia orzamental visando destinar máis recursos ás políticas sociais. 25 por cento da populación da Galiza está en risco de pobreza, denunciou a parlamentar de En Marea.


Vázquez Verao alega que o conselleiro encarregado das políticas sociais, Rey Varela, "dá mostra de non entender o alcance real da pobreza na Galiza".


A parlamentar de En Marea propón a adopción de tres medidas para "evitar a exclusión dos galegos afectados pola crise", di a confluencia nun comunicado de imprensa.


A primeira das medidas sería a publicación imediata do Decreto que desenvolva a Lei 10/2013 de Inclusión Social da Galiza, en diálogo aberto "con sindicatos, asociacións e entidades que traballan sobre a pobreza e a inclusión social". Para a confluencia, o decreto é esencial para pór fin á "arbitrariedade e o funcionamento a base de instrucións na concesión da RISGA".

 

A segunda medida pasa por deixar atrás a austeridade e "dotar con máis fondos as políticas de inclusión e os servizos comunitarios" e nesa dirección trataríase de -"cara aos orzamentos de 2018"- aumentar as partidas destinadas á RISGA "permitindo o desenvolvimento dos tramos de transición ao emprego".

 

Por último, En Marea insta a Xunta a que defenda a consideración da pobreza infantil como un problema central dentro do Pacto pola Infancia que está a promover UNICEF.

 



x