XUNTANZA EN OURENSE

As mareas municipalistas encetan o camiño cara ás eleccións de 2019

As mareas municipalistas encetan o camiño cara ás eleccións de 2019
[Imaxe: Marea Atlántica]
[Imaxe: Marea Atlántica]  

As mareas municipalistas xuntáronse o pasado sábado, 18 de novembro, en Ourense no encontro “Hai Marea”, onde iniciaron o camiño coa ollada posta nas eleccións municipais de 2019.


Baixo o lema “Hai Mareas”, as mareas municipalistas convocaron o sábado, 18 de novembro, unha xornada en Ourense na que compartiron ferramentas, metodoloxías e experiencias de traballo coa ollada posta en 2019. Un encontro onde se puxo como exemplo “a boa praxe na xestión municipal” dos gobernos da Coruña ou de Compostela.

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, puxo de manifesto na conclusión do acto que “é preciso máis e mellor municipalismo, porque merecemos limpar as institucións de ladróns, corruptos e acosadores”. Puxo como exemplos, entre outras medidas, a renda municipal, malia que os requirimentos provocan que tan só poidan acceder a ela na Coruña ao redor de 50 familias.

 

“Pódese ser transparentes nas contratacións, pódese facer que ningún neno ou nena quede atrás e poida comer nas escolas... podemos ter terrazas nas rúas sen que sexan un perigo, podemos ter o monte limpo e vivo”, sinalou o rexedor coruñés, quen salientou que as mareas municipalistas miran “de fronte e con valentía” o “inimigo”, “desafíandoo, porque somos a xente do común e levamos moita fartura enriba”.

 

Martiño Noriega, alcalde de Compostela, foi quen abriu o encontro cunha intervención na que apelou á necesidade de “compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo” e para “aprender a reivindicar xuntas a capacidade do municipalismo na transformación da autonomía social e local”.

 

Na xornada da mañá, as mareas municipalistas compartiron as metodoloxías organizativas e as experiencias participativas desenvolvidas en Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense. Nestas mesas de traballo, en que tamén participaron deputadas de En Marea no Parlamento galego, púxose de manifesto que cómpre “abrir máis aínda as institucións á participación cidadá, vencellando vida institucional con extitucional e fortalecendo un espazo común e fraterno, onde as mareas camiñemos xuntas”.

 

Amais de analizar o camiño percorrido polas mareas municipalistas e as perspectivas e obxectivos, durante a tarde púxose a ollada no “contrapoder” da man de movementos sociais como a Mocidade republicana galega, Stop Desafiuzamentos, a Plataforma non ao TTIP, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública ou Masa Crítica Ourense.



x