A MESA DE IDADE SUSPENDE O PLENO

A moción de censura de Fene non se chega a votar perante os indicios de transfuguismo

A moción de censura de Fene non se chega a votar perante os indicios de transfuguismo
Juventino, á saída do pleno perante os aplausos de veciñas e veciños
Juventino, á saída do pleno perante os aplausos de veciñas e veciños  

Non se daban as circunstancias contempladas na lexislación para dar curso á moción de censura. Así o decidiu a Mesa de Idade constituída no pleno. O voto de calidade da presidenta da Mesa -a persoa de maior idade deste órgao- resolveu a cuestión e a sesión plenaria foi suspendida. Juventino Trigo mantén a Alcaldía e os censurantes terán de recorrer agora á vía do contencioso administrativo.


Por volta de 250 persoas ateigaban o salón de actos do concello de Fene para asistiren á moción de censura que PP e Somos Fene formulaban ao alcalde, o nacionalista Juventino Trigo que goberna o municipio ao fronte dun bipartito con Esquerda Unida (4 concelleiros o BNG, 1 EU).

 

Mais non houbo tal pleno. Non se chegou a materializar por cuestións formais que se acabaron ventilando nun debate puramente político.

 

Todo comezou con normalidade. Constituíuse o pleno. Leuse o informe da secretaria (favorábel á realización da moción ao considerar que os concelleiros de Somos Fene teñen neste momento plenitude de direitos, ao terlles sido restituídos, nunha medida cautelar, pola xuíza do contencioso administrativo de Ferrol). Constituíuse a Mesa de Idade. E leuse a moción.

 

Até aquí o guión previsto. Mais aconteceu que o partido instrumental Participación Democrática -polo que concorreron ás eleccións os dous concelleiros de Somos Fene- apresentou á Mesa de Idade un escrito en que definía estes edís como tránsfugas. Cumpre lembrar que Participación Democrática expulsou estes concelleiros no momento en que se comezou a sospeitar que ían pactar co PP.

 

A consideración de tránsfugas inhabilítaos para participar nunha moción de censura, de acordo coa actual lexislación. O debate produciuse entón no seo da Mesa de Idade. Esta estaba formada por dúas concelleiras, a de maior idade e a de menor idade. Aquela, do BNG. Esta, do PP. Non houbo acordo entre elas. A de maior idade votou a prol da non realización do pleno por non o considerar axustado a direito, ao aceitar a interpretación de que con efeito estaríamos perante un caso de transfuguismo. A de menor idade, a favor de que si tivese lugar. Empate. Acabou decidindo a de maior idade por ser a presidenta da Mesa e ter o voto de calidade. Por tanto, suspendeuse o pleno e Trigo mantén a Alcaldía.

 

A consideración de tránsfugas dos concelleiros de Somos Fene inhabilítaos para participar nunha moción de censura, de acordo coa actual lexislación

 

Alén de ter en conta este escrito de Participación Democrática, a Mesa de Idade considera que a moción non satisfai todos os requisitos que se estabelecen no artigo 197 da Lei da Administración Local.

 

Isto significa que a moción embarranca. E agora? "Se non están de acordo o que terán é que ir a un contencioso administrativo", declara a Sermos Juventino Trigo, "mais supoño que agora teremos un mes ou un mes e medio tranquilo".

 

Trigo felicitouse polo desenvolvimento "moi calmado" da sesión e por que o ambiente -ateigado o salón de plenos, con xente por fóra- era "moi favorábel ao goberno municipal".



x