Mocións contra a ilegalización de Causa Galiza nos concellos e Parlamento de Galiza

Mocións contra a ilegalización de Causa Galiza nos concellos e Parlamento de Galiza
Comparecencia no CS O Pichel en apoio aos 9 encausados.
Comparecencia no CS O Pichel en apoio aos 9 encausados.  

As 9 persoas encausadas na Operación Jaro solicitan reunións formais co BNG e En Marea. O Bloque xa respondeu afirmativamente.Na xuntanza pedirán que o rexeitamento á suspensión da formación independentista se traduza en mocións nos plenos municipais e na Cámara galega.


Os 9 independentistas encausados na 'Operación Jaro' solicitaron esta semana reunións formais con BNG e En Marea. Desde o Bloque xa se respondeu, a través de Bieito Lobeira, quea ceptaban a petición e manterían unha xuntanza, ao tempo que lembraba que o BNG xa no seu momento rexeitara o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e as súas consecuencias, como o procesamento de 9 independentistas e a suspensión de facto de Causa Galiza.

Desde o colectivo destas 9 persoas encausadas pola AN informan, nun comunicado, que nesas reunións solicitarán a ambas as dúas formacións “que contribuam para apresentar nos concelhos do País e no parlamento autonómico moçons de rechaço à ilegalizaçom de Causa Galiza e de exigência de que se arquive a causa aberta contra os nove militantes políticos”. O colectivo considera que tanto o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e coñecido co nome de 'Operación Jaro' como o proceso xudicial en curso “som umha farsa político-judicial” que procura "abortar" a construción dun proxecto político independentista.

Bruxelas

A finais do pasado mes de setembro rexistrábase por parte do grupo 'Os Pobos deciden', integrado por BNG e EH Bildu, unha pregunta á Comisión Europea sobre a ilegalización de facto de Causa Galiza pola Audiencia Nacional española. Levábase así perante as institucións comunitarias unha das consecuencias da 'Operación Jaro', nunha dinámica que se quere estender a nivel municipal (mocións nos concellos) e nacional (Parlamento).