PERGUNTA DE GÓMEZ REINO (EN MAREA) NO CONGRESO

Montoro deixa entrever que a SEPI si votará a favor do nomeamento de Fernández de Mesa en REE

Montoro deixa entrever que a SEPI si votará a favor do nomeamento de Fernández de Mesa en REE
Antón Gómez-Reino suxeita a fotografía de Fernández de Mesa
Antón Gómez-Reino suxeita a fotografía de Fernández de Mesa  

A SEPI controla na práctica a Rede Eléctrica de España, ao dispor de 20 por cento do seu accionariado. Isto significa que na xunta xeral de accionistas a SEPI -ou sexa, politicamente a Moncloa- terá de se pronunciar sobre o nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa. Sobre a cuestión perguntou no Congreso o portavoz de En Marea, Antón Gómez-Reino.


A pergunta de Gómez Reino era moi concreta, literalmente "vai o Goberno, através da SEPI, apoiar o nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa, como conselleiro independente da Rede Eléctrica de España na Xunta Xeral de Accionistas?".

Como era de prever, a resposta do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, foi evasiva. O membro do gabinete Rajoy veu dicer que é a "compañía", isto é REE, a que determina "o perfil profisional necesario para os seus novos conselleiros. É REE a que determinada a idoneidade dos mesmos como conselleiros".

Como queira que REE xa determinou a idoneidade de Fernández de Mesa para o cargo -ao cooptalo para o seu consello de administración-, Montoro suxeriu implicitamente que a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) si votará afirmativamente o nomeamento na xunta xeral de accionistas.

Non se coñece no currículo profisional de Fernández de Mesa -ex delegado do Goberno na Galiza durante a crise do Prestige, ex director xeral da Guardia Civil- nengún elemento que o faga especialmente adecuado para desempeñar responsabilidades como conselleiro da REE.

O parlamentar de En Marea ve no nomeamento "un novo caso de corrupción e portas xiratorias", alén de denunciar que Fernández de Mesa vaia percibir unha retribución de 175.000 euros cando se trata dunha persoa "sen nengún coñecimento do sector".

Gómez-Reino provocou a irritación nas bancadas populares ao amostrar no pleno unha fotografía de Fernández de Mesa ataviado pomposamente como director xeral da Guardia Civil coa inevitábel fita rojigualda sobre o seu tronco: "A foto representa un réxime en decadencia, lembra tamén a pésima xestión e a incompetencia no caso Prestige, e a vulneración dos dereitos humanos no Tarajal".



x