Morre Bautista Álvarez

Morre Bautista Álvarez
Bautista Álvarez, nunha das súas entrevistas en Sermos
Bautista Álvarez, nunha das súas entrevistas en Sermos  SG

Aos 84 anos falece un dos líderes históricos do nacionalismo galego, figura central na historia política do país desde os anos 60.


Morreu en Beariz Bautista Álvarez, fundador da UPG e dirixente durante décadas do Bloque Nacionalista Galego. Sen el é imposíbel historiar o desenvolvimento do nacionalismo galego de post-guerra e a construción dun potente movimento socio-político primeiro durante a ditadura e logo con posterioridade no actual réxime político.

 

A noticia anticipouna a Unión do Povo Galego através da súa conta twitter:

 

 

Tamén no twitter, a líder do BNG deixou esta mensaxe de tributo ao legado de Bautista Álvarez.

 

 

 

 

Bautista Álvarez era natural da aldea de Loucía, no concello ourensán de San Amaro. Naceu en 1933 e era o menor de tres irmáns. Con dez anos ingresou no Seminario de Ourense onde estudaría Humanidades e Filosofía. Estudos que continuou a partir de 1965 na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Complutense en Madrid, onde marchara para facer o servizo militar. “Eu vivín inda dentro da Idade Media”, explicou no documental Bautista Álvarez: unha vida para unha nación, de Xoán Carlos Garrido e Cesar Caramés, onde tamén lembraba que “a escolla do Seminario obedecía a dúas razóns. Unha é que os curas eran os únicos estudados nas aldeas, e a outra era que o clero vivía moi ben daquela”.

 

En Madrid, onde fixo amizade con Ferrín e Fernández Ferreiro, foi un dos membros fundadores do colectivo Brais Pinto e promoveu o Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco. Naquela época tamén sufriu a represión do réxime franquista e pasou pola cadea acusado de manter ideas “separatistas marxistizantes”. Estábase constituíndo a Unión do Povo Galego (UPG), e o grupo madrileño era moi activo. Bautista Álvarez sostivo sempre que a primeira UPG non era claramente un partido, e foi acollendo xente como Luís Soto, quen editou o manifesto dos dez puntos en México, ou Celso Emilio Ferreiro entre outros. E non foi até despois dos acontecementos de Ferrol e Vigo do ano 72 que se converteu nun partido marxista leninista.

 

Bautista Álvarez participará na fundación da UPG da que chegou a ser primeiro presidente no congreso celebrado en agosto de 1977, cargo que abandonou a finais do 2008. El resumía a traxectoria da UPG en tres etapas: da fundación a 1975, inmersos nunha ditadura militar; da morte do ditador a 1982, os anos de consolidación da democracia burguesa e do cambio nas formas de loita; e de 1982 en adiante, coa consolidación desa democracia burguesa e a progresiva descentralización administrativa.

 

Na película de Garrido e Caramés, Bautista Álvarez recoñece nunha entrevista na sede do Parlamento galego que “algo se vai conseguindo, pero inda hai moito que avanzar” e móstrase irritado pola “demagoxia” de Fraga Iribarne, do que lembra como “odiou o idioma galego e mesmo secuestrou publicacións en galego”.  

 

Poucos anos despois, no 2010, nunha colaboración en Terra e Tempo, Álvarez advertía da descomposición do Estado español e reflexionaba: “No momento actual, cando a maioría das institucións están nas mans de partidos enlamados na buleira, é obriga darlle ao electorado un modelo que poida rescatalo da frustración colectiva. O recambio está en alternativas transformadoras -iso é, revolucionarias- que teñan na ética un dos piares fundamentais (non o único) dos principios ideolóxicos que as identifican”.

 

Clandestinidade

En 1973, Bautista Álvarez empezou a traballar nunha empresa do Porriño e xa fai parte do Comité Executivo da UPG na clandestinidade. A finais de 1976, despois da morte do ditador, foi detido por participar nunha manifestación pola amnistía en Vigo. Sería procesado polo TOP e pasou polos cuarteis da Garda Civil en Cangas, Verín e Pontevedra, tendo sufrido torturas. Entre 1975 e 1978 foi ademais presidente da Asociación Cultural de Vigo, e publicou un ensaio sobre Os vellos non deben namorarse, de Castelao, entre outras colaboracións de carácter literario (tamén en castelán, en revistas como Signo ou Cuadernos para el diálogo), ademais da súa produción sobre asuntos políticos e as numerosas conferencias sobre temas relacionados co país pronunciadas en cidades como Barcelona, Xenebra, Zurich, Basilea e Rotterdam.

 

En 1982 participou da creación do Bloque Nacionalista Galego, e foi membro da súa Comisión Permanente desde 1982 até o 2002. Representou ao BNG na London Dumping Convention, sobre prevención da contaminación mariña, nos anos oitenta, e na fundación da CONSEO, a Confederación de Organizacións de Nacións sen Estado de Europa Occidental, en decembro de 1985. Bautista Álvarez mantívose sempre atento ás posibilidades desa fronte común dos pobos de Europa e en alerta continua contra a unión económica e monetaria que se ía construíndo. A finais de 2010, nun dos seus artigos en Terra e Tempo, subliñaba esta condición do proxecto europeo: “desde o Tratado de Roma á cimeira de Maastricht o único idioma que se falou na Unión Europea foi o do diñeiro. Alimentada desde a infancia co biberón da economía de mercado, o que en principio se chamou Mercado Común rematou sendo un verdadeiro mercado  negro (…) Esta é a Europa que existe. A dos cartos. Non hai outra. A Europa ‘democrática’ que pondera o voto polo PIB.”

 

Deputado no Parlamento galego

Bautista Álvarez foi elixido deputado pola Coruña nas primeiras eleccións ao Parlamento galego en outubro de 1981. Pero sería expulsado do Parlamento, xunto a Lois Diéguez e Claudio López Garrido, seus compañeiros na coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG. Negáranse a prestar xuramento á Constitución española de 1978. Volvería resultar electo nas lexislatura IIIª (1990-93), IVª, Vª e VIª (2002-2005) pola circunscrición de Pontevedra.  E chegou a ocupar os cargos de vice-secretario e vice-presidente na Mesa do Parlamento na cuarta e na quinta lexislaturas.

 

En 2004, no 40 aniversario da constitución da UPG, o partido promove a creación da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasou a presidir. En 2006 foi distinguido co premio Manuel María á dignidade nacional.  Bautista Álvarez continuou participando no debate político a través dos seus escritos e advertindo sobre os camiños que ía tomando a cuestión nacional galega no contexto actual. En decembro de 2014 sinalaba: “o galiñeiro español está alborotado. Por levante empezou a soprar con forza o vento independentista. Aínda que maino e civilizado en aparencia, semella máis perigoso ca o aquilón do norte”; un ano despois, a finais do 2015, recomendaba diante da encrucillada do nacionalismo galego: “está ben ser pioneiros no combate e na defensa de todas as liberacións. Ningunha delas debe ter prioridade sobre a liberación nacional do noso país”.

 

A Fundación Bautista Álvarez publicou parte da súa produción ensaística en tres tomos da Obra Escollida. En 2013, Bautista Álvarez publicou en Xerais o libro de relatos Retallos daquela infancia, e no 2015, na mesma editorial, a novela Cuarto minguante.

 

Bautista Álvarez morreu hoxe, aos 84 anos de idade, en Beariz non moi lonxe da aldea de Loucia. Quizá non gustaría de converter o data nun pranto por un patriota, quizá non convén chorar como deixou dito non hai moito falando de Manuel María: “Cando coñecín a noticia de que ía ser honrado co Día das Letras do próximo ano a punto estiven de verter as bágoas que me invadiron cando vin entrar o seu cadaleito no Panteón de Galegos Ilustres. Por unha sinxela razón. Por retrasar para despois de morto o agasallo que Galiza lle debía en vida. Inclusive iniciei o artigo co título provisorio de Pranto por un poeta. Pero despois veume á cabeza un verso de Pimentel, o seu precursor na lírica: Non convén chorar máis”.

 

Nun comunicado difundido esta tarde, a Unión do Povo Galego informa que por expreso desexo da familia, Bautista Álvarez será velado e enterrado ás 19.30 horas na súa parroquia de San Cibrao de Las, San Amaro. O acto político terá lugar ás 18 horas. 

 

 

 

 



x