PORTUGAL

Morre aos 92 anos Mário Soares, un dos símbolos da loita contra a ditadura

Morre aos 92 anos Mário Soares, un dos símbolos da loita contra a ditadura
[Imaxe: Wikipedia] Mário Soares, nunha imaxe de 2014
[Imaxe: Wikipedia] Mário Soares, nunha imaxe de 2014  

Deputado, ministro, primeiro ministro, presidente da República, eurodeputado... mais Mario Soares será lembrado pola súa loita contra a ditadura. Finou este sábado, en Lisboa, aos 92 anos.


Após semanas ingresado na unidade de coidados intensivos do Hospital da Cruz Vermelha de Lisboa, no que ingresara o 13 de decembro, Mario Soares (Lisboa, 7 de decembro de 1924) finou este sábado aos 92 anos.

As súas exequias fúnebres durarán tres días e xa se informou de que o seu corpo non será velado en ningunha capela nin se oficiará misa ningunha de corpo presente, por expreso desexo do falecido. Segundo medios portugueses, durante os dous primeiros días, o corpo ficará no Mosteiro dos Jerónimos e ao terceiro día terá lugar unha cerimonia con intervencións da familia, do presidente da República, do primeiro-ministro e do presidente da Assembleia da República. O cortexo fúnebre desprazarase cara ao Cemitério dos Prazeres e pasará polo Palácio de Belém, a Fundação Mário Soares, a Assembleia da República e o Largo do Rato, onde se localiza a sede do PS, partido de que é fundador.

Mário Soares encetou a súa traxectoria política na súa época de estudante da universidade, onde se licenciou en Ciencias Histórico-Filosóficas e en Dereito. Foi secretario da Comissão Central da Candidatura do General Norton de Matos á Presidência da República, en 1949, e 11 anos após estaría na Comissão da Candidatura do General Humberto Delgado á Presidencia da República.

A súa figura política gañou enteiros despois de facer parte dos movementos de oposición á ditadura. Un activismo que o levou a ser detido até en 12 ocasións pola policía política do réxime. Estivo tres anos na cadea, onde casou con Maria de Jesus Barroso en 1949. Foi deportado a São Tomé en 1968 e en 1970 foi obrigado a exiliarse en Francia. En abril do 1973 participou na cidade alemá de Bad Münstereifel na xuntanza de fundación do PS, partido en que ocupou a Secretaría Xeral durante 13 anos.

Tres días após a Revolução dos Cravos, Mário Soares regresou a Lisboa no "comboio da Liberdade", que foi recibido pola multitude na estación de Santa Apolónia.