MÁIS DE 25.000 PERSOAS NO DÍA DA PATRIA GALEGA 2015

'A Nación galega' suma milleiros de persoas pola unidade para ''unha Galiza con forza soberana”

'A Nación galega' suma milleiros de persoas pola unidade para ''unha Galiza con forza soberana”

Foi unha mobilización histórica e multitudinaria na que os chamados á unidade foron alén da propia marcha para demandar dos axentes políticos compromisos cara á unha confluencia que permita garantir unha "Galiza con voz".


 

Non só foi multitudinaria e histórica, tamén foi a mobilización máis puntual que se lembra nun Día da Patria Galega. Non deran as 12:10 e xa a faixa de cabeceira co lema 'A Nación Galega' deixaba a Alemeda compostelá entre aplausos para enfilar a Senra e realizar o tradicional percorrido (Ensanche-Zona Vella-Praza da Quintana) das marchas do 25 de Xullo. Desde as 12:10 e até a unha menos cuarto -35 minutos- a Alameda foi unha constante riada de xente que participaba na mobilización nada do chamamento do 'Manifesto pola Unidade'. Entre 25.000 e 30.000 persoas, segundo a comisión organizadora, tomaron parte na marcha, que decorreu entre consignas, sons de bombos e gaitas, cancións, batucada feminista e un ambiente de festa, camaradaxe e reivindicación.

A Quintana ficou cativa para acoller a riada de manifestantes, moitas das cales non deron entrado na emblemática praza

Acompañando os milleiros e milleiros de cidadáns, responsábeis de organizacións políticas e sindicais, así como ambientalistas, colectivos sociais, de loita contra os despexos ou denuncia do calote das preferentes, de defensa do idioma.... Unha representación do que Xurxo Souto, mantedor do acto na Quintana, denominou ese pobo empeñado en que “A nosa historia facémola nós”, citando unha canción da Matraka Perversa. Xavier Vence (BNG), Xosé Manuel Beiras (Anova), Xoán Bascuas (CxG), Yolanda Díaz (IU), representantes de organizacións independentistas estiveron presentes na mobilización unitaria, un acto ao que tamén asistiron alcaldes de concellos nacionalistas e representantes sindicais (Suso Seixo, da CIG; e tamén Sánchez Aguión, de CCOO), entre rostos da cultura ou do deporte.

Confluir, unir, Galiza

A 'Unidade' non figurou só no nome do manifesto impulsado por un grupo de persoas e que avalado por 1.400 sinaturas deu pé á manifestación unitaria deste 25 de Xullo. Foi unha palabra e unha referencia constante. Suso de Toro, membro do grupo promotor, emprazou os partidos a “falar” para ser “quen de abordar unha candidatura de confluencia de cara ás xerais".

As declaracións de Xavier Vence e Xosé M. Beiras coincidiron na importancia de que Galiza "como nación" teña voz nas Cortes

Unha reflexión que, en diferentes graos, foi partillada por representantes políticos. Así, Xavier Vence dixo que a mobilización era “a expresión dunha vontade de unidade para mudar as cousas e dar voz a Galiza”, así como era “un paso importante para que as forzas políticas galegas se unan para que Galiza teña voz”.

Xosé Manuel Beiras, de por parte, situou a marcha deste 25X como un pulo para que “Galiza estea presente como nación, como suxeito político” nas Cortes españolas, salientando que a convocatoria saíse “da sociedade civil” e non “dos partidos”.

Bascuas (Compromiso por Galicia) convidou a “non facer interpetacións mecánicas” preguntado sobre se a marcha podía ser un primeiro paso para unha candidatura nacional galega. “Nós estamos pola creación de plataformas de adscripción individual para que Galiza teña voz”.

De Ortegal ao Miño

As chamadas á unidade tamén ficaron plasmadas en consignas berradas na Quintana polos milleiros de asistentes -“Por Galiza, unidade!”-, no manifesto lido e tamén nalgunhas faixas. Era, en certo, xeito, un sentir' que presidiu a mobilización, na que non faltaron as consignas propias do Día da Patria, desde o 'Non renunciamos á Patria Galega' ao 'Galiza ceive, poder popular” ou “independencia”. A entrada da longa serpe de manifestantes na zona vella colapsou varias rúas e prazas do casco histórico. Estaba a faixa de cabeceira entrando na Praza da Quintana -unha faixa que foron rotando por 'quendas' diferentes persoas 'do común'- e o bloque independentista aínda non saíra da Alameda.

"Sen organizacións propias non habería pobo galego", díxose na leitura do manifesto, no que se chamou a "fraguar unha maioría política" para defender o país

“É un día para a historia”

Xurxo Souto foi o encargado de manter o acto na Quintana mentres a Praza ía enchendo de xente, ficando finalmente pequena para acoller a @s asistentes tod@s . “É un día para a historia”, salientou o músico e artista coruñés, que foi quen de poñer a toda A Quintana a cantar 'O Carro' para lembrar a Manuel María, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016 e un fixo nas mobilizacións do 25 de Xullo mentres viviu.

Polo escenario foron pasando gaiteiros, actuacións como a de M.J. Pérez, Lidia Dotana ou Alba María, até houbo regueifas improvisadas. E, mentres, seguía chegando xente. Souto leu o comunicado da 'Comisión cidadá' promotora da marcha agradecendo á xente a asistencia.

“Galiza precisa existir politicamente, con voz soberana”

A lectura do manifesto foi partillado por varios cidadáns e promotores da mobilización como Federico Pérez Rei, Alba Cuba, Valentín García Bóveda e Patricia de Lorenzo. Citouse a Revolución Galega de 1846, a Rosalía de Castro, as Irmandades da Fala e a Nunca Máis. Mais tamén a mocidade emigrada, os que loitan por defender a sanidade e educación pública, a pelexa que mantén o sector gandeiro, a mocidade emigrada ou os valedores do galego. Porque, “aquí non hai sumisión, hai pobo galego”. No manifesto pulouse por “erguer unha nación libre, de homes e mulleres libres”, e defendeuse que “Galiza precisa existir politicamente, con voz forte e soberana”, o que fai preciso “confluír”.

Houbo lembranzas para as Irmandades da Fala, a Revolución de 1846, Nunca Máis...e para a mocidade emigrada, a loita d@s gandeir@s e os valedores da educación pública e en galego.

“Non existiriamos se non houber organizacións políticas, sindicais, culturais propias”, afirmouse á vez que se chamaba a “fraguar unha maioría política que defenda Galiza”. Os versos de Curros Enríquez (no poema 'Pola Unión') pecharon a lectura, cunha mensaxe clara que a ninguén lle pasou inadvertida: “Na unión dos bos galegos está da Patria o porvir”.

O Himno Galego e o 'Viva Galiza Ceive' saído da gorxa de Xurso Souto puxeron o ramo a un acto multitudinario cunha mensaxe de 'unidade' que quer ir alén do propio 25 de xullo.



x