O ALCALDE DE BECERREÁ AMAGA CON ABANDONAR O PSDEG

Que pactaron Manuel Martínez e Darío Campos?

Que pactaron Manuel Martínez e Darío Campos?
Darío campos e Manuel Martínez após apresentar o seu acordo
Darío campos e Manuel Martínez após apresentar o seu acordo  Foto: Efe

O circo non dá tregua na Deputación de Lugo


O pasado 30 de maio, o vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez, volveu a apoiar co seu voto unha iniciativa do Partido Popular na que se criticaba duramente a xestión do goberno socialista en SUPLUSA, sociedade pública que xestiona a construción da rede provincial de residencias da terceira idade, solicitando un cambio na composición dos seus órganos de xestión, particularmente na súa presidencia que non poderá coincidir coa da Deputación, tal e como viña acontecendo desde a súa fundación. O alcalde de Becerreá xustificou o seu sentido de voto afirmando que no acordo asinado con Darío Campos para retornar ás filas socialistas, recollíase que a presidencia de SUPLUSA recaería en Manuel Martínez, algo que confirmou posteriormente o propio presidente da Deputación, así como os responsábeis do grupo provincial socialista. Alén das explicacións fornecidas polas diversas partes, o certo é que Martínez, coñecedor do rexeitamento que provoca entre a maioría dos socialistas de Lugo e do veto ao que foi sometido por estes de cara ao congreso federal, quixo facer valer o seu voto e mandar unha mensaxe ao PSOE de que sen o seu apoio a Deputación non é gobernábel.

 

Os termos exactos do acordo entre Campos e Martínez seguen a ser un misterio. A confirmación por parte do presidente da Deputación da promesa realizada ao alcalde de Becerreá para dirixir SUPLUSA certifica que o ofrecido a Martínez para regresar ao PSOE supera o que estes fixeran pública con anterioridade. Segundo fontes socialistas consultadas por Sermos Galiza ao tempo que afirman “descoñecer na súa totalidade as cuestións pactadas entre Manolo e Darío, xa que este non puxo en coñecemento no partido o asinado”, sinalan a existencia “dunha parte reservada do mesmo do que gardan copia á marxe dos asinantes, un membro da antiga xestora de Ferraz que participou no proceso e que actuaba como garantía do seu cumprimento”. A formalización do retorno de Manuel Martínez á disciplina socialista concretouse nunha xuntanza celebrada na localidade valisoletana de Olmedo, na que á marxe do de Becerreá estiveron presentes Darío Campos e Mario Jiménez, portavoz da antiga xestora  do PSOE e persoa de confianza da presidenta andaluza Susana Díaz. Así e todo, sábese que na parte reservada do acordo recóllense garantías para que Martínez poida desenvolver a súa actividade e medios materiais para o seu labor.

 

Manuel Martínez contará con persoal de confianza ao seu servizo

 

Un dos aspectos que está a provocar máis tensión entre os membros do goberno da deputación, así como entre a maioría besteirista do socialismo lugués, é o nomeamento por parte do alcalde de Becerreá de varios liberados que o axudarán no traballo na institución provincial. O perfil destes responderá a homes e mulleres de máxima confianza de Martínez, con peso nas agrupacións do PSOE da provincia e con capacidade organizativa, aspecto no que algúns queren ver o intento do de Becerreá de contar cunha estrutura paralela á da dirección do partido e do propio goberno de Campos. O primeiro destes nomeamentos farase efectivo no mes de Xullo é recaerá nun antigo compañeiro de Martínez no grupo provincial e na oposición a Francisco Cacharro, o focego Xaime Cancio. Sen dúbida algunha, o seu nomeamento provocará fisuras entre os socialistas, coñecedores do pasado de Cancio como militante de AP, ou líder e promotor dunha candidatura independente saída das filas socialistas ou da súa xestión ao fronte da delegación da Consellaría de Pesca en Lugo que provocou o seu cesamento polo propio Pérez Touriño.

 

Un pacto de imposíbel cumprimento

 

Dirixentes socialistas e membros do grupo de goberno da Deputación de Lugo non dubidan en afirmar que o pacto asinado entre Darío Dampos e Manuel Martínez é de imposíbel cumprimento. Segundo estas mesmas fontes, “non só hai unha parte significativa de membros do goberno que están dispostos a chegar até o final, mesmo a romper abertamente con Darío Campos, no caso de que se consume a pretendida colonización por xentes de Martínez da equipa socialista da Deputación, senón que a nova dirección do partido en Madrid e tamén a súa maioría en Lugo queréreno fóra do goberno”. Así as cousas, foron precisamente as garantías que ofreceron as xentes de Pedro Sánchez desde Madrid as que paralizaron a publicación dun escrito asinado por arredor dun cento de militantes socialistas de Lugo no que solicitaban apartar do goberno e do PSOE ao de Becerreá. Esta situación de confronto explicaría as declaracións da pasada semana de Martínez en que ameazaba con abandonar o partido co caso de que persistisen os vetos contra el e a súa xente próxima.



x