REVISTA DE IMPRENSA

El País, cada vez máis orientado en favor de Cs

El País, cada vez máis orientado en favor de Cs
Albert Rivera, en Vigo (Foto: Ciudadanos)
Albert Rivera, en Vigo (Foto: Ciudadanos)  

En favor de Ciudadanos e de que se abra a vía sucesoria no PP.


Dos rotativos mainstream El País foi o único que lle deu algo de ar á reunión conxunta de Ciudadanos e Podemos para reformar a Lei Eleitoral (unha mudanza que beneficiaría máis os de Rivera que os de Iglesias). A deriva do diario de PRISA a prol de Cs é con toda probabilidade a maior mudanza producida no taboleiro político do Estado nos últimos anos. Ferraz séntese orfa. Por vez primeira desde 1976 -ano en que un grupo de accionistas basicamente de direita (e algúns como Fraga ou Areilza con vínculos directos coa ditadura) criaron El País-, o PSOE carece do apoio directo do xornal con maior capacidade de criación de opinión do Estado. O divorcio co grupo de comunicación propietario tamén da cadena SER acabou de se materializar cando as bases do partido socialista devolveron á secretaría xeral a Pedro Sánchez, a derrotar así a candidatura de Susana Díaz, a opción pola que pulaba Felipe González, amigo íntimo do aínda primeiro executivo de PRISA, Juan Luis Cebrián.

 

Estes últimos días a aposta de PRISA por Cs ficou especialmente patente. Após o CIS arrefriar as expectativas do partido laranxa -embora rexistar un espectacular incremento a respeito das eleccións xerais de 2016, o instituto público manteno aínda por debaixo de PP e PSOE-, El País publicou esta sexta feira un inquérito de Metroscopia en que coloca a formación liderada por Rivera comodamente instalada na primeira posición do podio eleitoral. Non é primeira sondaxe que oferece un resultado destas características, mais si é a que concede unha maior vantaxe a Cs a respeito da segunda forza, neste caso o PP. En concreto, o traballo demoscópico outorga a Ciudadanos 28,3 por cento dos sufraxios face 21,9 do PP, 20,1 por cento do PSOE e 16,8 de Unidos Podemos e as confluencias. Estaríamos perante un envorcamento radical do taboleiro. E talvez cara ao primeiro paso da macronización da política española, o afundimento dos partidos tradicionais do bipartidismo e o ascenso á cimeira dun líder, Albert Rivera, que non agacha a súa admiración polo presidente da República francesa.

 

Mais a liña de PRISA non é só a de favorecer as expectativas de Ciudadanos -formación que nas últimas datas caeu en desgraza perante os ollos de cabeceiras como ABC ou La Voz de Galicia, cada vez máis aliñadas co Partido Popular-, senón tamén a de sinalar Rajoy como un lastre para a formación conservadora. Nesa dirección explícasen os dados, tamén de Metroscopia, que fixo públicos El País este sábado. Segundo eles, 62 por cento do eleitorado do PP é partidario da saída de Rajoy do primeiro plano da escena política, percentaxe que se eleva até 85 por cento cando a pergunta se realiza ao conxunto do eleitorado.

 

A xogada combinada sería, pois, orientar a opinión pública cara a Cs e alentar o debate sucesorio no PP. E, mentres tanto, sen novidade na batalla de Catalunya. Aí non hai disensións e a liña é idéntica entre PRISA e os meios conservadores que aínda manteñen lealdade a Génova e a Rajoy.

 



x