No tributo a Castelao, Pontón acusa Feijóo de conducir Galiza ao "vagón das rexións"

No tributo a Castelao, Pontón acusa Feijóo de conducir Galiza ao "vagón das rexións"
Un momento do acto, con Ana Pontón e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños
Un momento do acto, con Ana Pontón e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños  Foto: BNG

Ou viaxar no tren das nacións -aí é onde a quere o BNG- ou no vagón das rexións -aí é onde a está a levar Feijóo coa súa xestión. Esa é a encrucillada sobre a que se debruza Galiza, argumentou este sábado Ana Pontón en Rianxo no acto de tributo a Castelao co que o Bloque abre tradicionalmente o curso político após a paréntese nadalenca.


É cuestión de estatus nacional e é tamén cuestión de interese material. Os países que viaxen no tren das nacións terán máis recursos -un financiamento superior ao actual- para mellorar as condicións de vida das súas populacións. Os que vaian no vagón das rexións dependerán sempre da vontade política do aparato do Estado, condenados a orzamentos cada vez máis minguantes.

 

Nesa escolla -entre as rexións e as nacións- Feijóo xa hai tempo que tería optado. "Galiza corre o risco de ficar atrás, no vagón das rexións, de baixar do tren das nacións", dixo Ana Pontón no acto político realizado en Rianxo, no paseo da Ribeira, como tributo a Castelao, no seu 68 cabodano. "Hoxe non temos goberno, temos unha delegación do goberno central na Galiza e un presidente irrelevante. O máis irrelevante de todos os irrelevantes", espetou.

 

bng

Á irrelevancia de Feijóo, á súa submisión perante o goberno de Rajoy, contrapuxo Pontón a figura de Castelao. Co fundador do Partido Galeguista "emerxe toda a dignidade do pobo galego". Castelao hoxe continúa a ser un símbolo "incómodo" para aquelas que tentan manipular a historia da Galiza porque saben que o político e intelectual de Rianxo continúa "axitando conciencias e espertando vontades".

 

Enfatizou Pontón que todas as galegas e os galegos temos unha débeda con Castelao e a súa xeración, por lle daren forma ao nacionalismo moderno e por deixar como legado a idea de que "precisamos organizacións sen dependencia con Madrid".

 

O discurso de Pontón enfiou pasado con presente e futuro do nacionalismo galego. A historia como proxección do porvir. E nese sentido deu leitura á coda da declaración final da I Asemblea Nacionalista de Lugo, da que este 2018 se fai o centenario:  “Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito,un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”.

 

A bandeira da Galiza

 

Xa en plena arenga, Pontón chamou a "estar alerta e levantar a bandeira da Galiza". "Nós, como republicanas galegas sabemos que a nosa bandeira tricolor é branca, e azul cunha estrela vermella. Esta é a nosa bandeira! e nosa  bandeira non é para axeonllarse e xurala! A nosa bandeira é para reivindicar a nosa patria natural, a democracia e a liberdade!", proclamou enfática.

 

BNG A Póvoa

O nacionalismo galego é a alternativa fronte a un réxime podre, o de 1978. “Unha corrupción que vai desde a Casa Real até os partidos do réxime, unha corrupción que está tanto na xustiza como no poder político”, alegou Pontón. Unha corrupción que, quixo pór en destaque, non se residencia só no partido do goberno, senón que alcanza a oligarquía que detenta o poder económico. "Tamén hai corrupción na factura da luz que dá beneficios multimillonarios ás eléctricas, mentres xente pasa frío nun país no que producimos electricidade a esgalla pero tamén é corrupción regalar as nosas caixas de aforro a un empresario venezuelano, mentres deixaron a miles de persoas estafadas pola banca", acrecentou a líder do BNG.

 

Violencia machista

 

Consciente da grande conmoción desencadeada en Rianxo polo asasinato de Diana Quer, a portavoz nacional do BNG dedicou un significativo fragmento do seu discurso á necesidade de mudar as políticas públicas no combate contra a violencia machista. Nese sentido, lembrou que cada ano máis de 5.000 galegas van aos xulgados a apresentaren denuncias por seren vítimas dunha barbarie que as elexe como albo polo simples feito de seren iso, mulleres. "Estes datos son só  a punta do iceberg. Sabemos que a fin da violencia machista non vai vir polo Código Penal, senón que a resposta está na educación", dixo. Enfatizou tamén que "as mulleres perdemos o medo e non imos deixar de camiñar soas polas rúas, nin de noite nin de día"

 

Municipais 2019

 

Nun discurso de amplo espectro -como corresponde ao comezo do curso político, foi do nacional ao internacional con chiscadelas solidarias aos presos políticos cataláns- Pontón achou espazo tamén para pór as eleccións municipais de maio de 2019 no horizonte. "Temos un ano e seis meses para preparar esa cita", dixo, certa de o BNG ter "solución" para os problemas concretos das veciñas e os veciños. É posíbel, dixo, mellorar a mobilidade nas cidades, abaratar o recibo da luz, coidar o patrimonio, criar emprego, apostar no pequeno comercio. Demóstrano acotío os gobernos locais do Bloque. "No BNG estamos orgullosas da nosa lingua e da nosa cultura e, sobre todo, estamos convencidas e convencidos de que é posíbel pór fin ao caciquismo con gobernos democráticos e transparentes”, afirmou.

 

E xa en ton de aberta precampaña debullou as mudanzas introducidas nestes anos en Rianxo por Adolfo Muíños como modelo do que é quen de facer o BNG desde os concellos. Muíños, dixo a líder nacionalista, é "o mellor alcalde dos últimos 40 anos neste concello".

 



x