Pontón procura alianzas en Alemaña para Galiza non ficar excluída do corredor atlántico

Pontón procura alianzas en Alemaña para Galiza non ficar excluída do corredor atlántico
Uxío Breogán Diéguez, Ana Miranda, Ana Pontón e María do Carme García Negro
Uxío Breogán Diéguez, Ana Miranda, Ana Pontón e María do Carme García Negro  

A portavoz nacional do BNG participa en Baviera nunha cimeira da Alianza Libre Europea, a organización internacional da que fai parte a formación nacionalista galega. 


A cidade de Landshut, Baviera, acolle esta sexta feira e o sábado un conclave da ALE, no que van tomar parte delegacións dos 49 partidos que a integran. Entre eles está o BNG, representado pola súa líder, Ana Pontón, e pola eurodeputada Ana Miranda. A delegación complétana, en representación da Federación Galiza Sempre, María do Carme García Negro e Uxío Breogán Diéguez.

 

O BNG afronta esta cita internacional cun obxectivo claro, o de conseguir apoios para a causa de Galiza non se ver excluída do corredor atlántico ferroviário. A formación nacionalista submeterá á consideración da asemblea da ALE unha resolución con vistas a que todos os partidos que a integran apoien a inclusión do país na rede transeuropea de transportes.

 

"É un auténtico agravio a exclusión dunha nación atlántica como é Galiza dese corredor porque significa deixarnos fóra da modernización das nosas infraestruturas e iso é situarnos en peores condicións para poder competir e modernizar a nosa economía", enfatiza a líder do BNG, segundo un comunicado difundido pola organización frentista.

 

Fronte a esa exclusión, o BNG quer tecer complicidades: "É necesario sumar voces e crear un auténtico lobby galego apoiado por outros partidos que representan nacións sen estado para que presionemos e acabemos con esa exclusión", di Pontón.

 

De acordo coas últimas previsións do Goberno español, Galiza non podería engancharse á rede transeuropea de transportes até 2027 [nen sequer esa data é segura, en 2027 será cando Bruxelas determine a que territorios se amplía o corredor]. O anuncio fíxoo en novembro pasado o MInisterio de Fomento, a contradicer unha afirmación previa do titular do ramo, Íñigo de la Serna, segundo a cal os trámites para enlazar Galiza coa rede darían comezo en 2018 (e non en 2023, como será finalmente).

 

Manifesto eleitoral da ALE

 

En Landshut ALE dará os últimos toques ao seu manifesto eleitoral, xa coa vista posta nas próximas eleccións -2019- ao Parlamento europeu. A ese respeito Pontón resalta a inclusión da defensa do dereito de autodeterminación como un dos principios programáticos desta alianza internacional, visando a consecución dunha "Europa das nacións sen estado, unha Europa democrática e avanzada", nas antípodas do actual modelo neoliberal.

 

Os partidos que representan na ALE as nacións sen estado dan corpo tamén á "esperanza" de "mellorar as cousas", porque "somos un nacionalismo emancipador, que constrúe, que une, que cre que todos os pobos somos iguais", proclama Pontón. Un soberanismo que tenciona "derrocar esa idea desa Europa única pola que uns se benefician mentres a grande maioría perde", conclúe.


 



x