A LÍDER DO BNG CONFRONTA CO DISCURSO ANTI-SOBERANISTA DE FEIJÓO

Pontón propón empoderar Galiza coa plena soberanía fiscal

Pontón propón empoderar Galiza coa plena soberanía fiscal
Ana Pontón, durante a súa intervención
Ana Pontón, durante a súa intervención  

Pontón confronta directamente con Feijóo. Alí onde o presidente da Xunta se mostra como ariete do españolismo contra o cupo vasco aparece a portavoz nacional do BNG para defender o concerto económico para empoderar Galiza. A líder do Bloque compareceu esta terza feira no Forum Europa para oferecer unha alternativa desde o nacionalismo ao discurso anti-soberanista de Feijóo.


Dúas Galizas posíbeis, dous discursos contrapostos. Esa é a dialéctica que debuxou no seu discurso Ana Pontón perante un auditorio de por volta de 250 persoas entre as que se achaban o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o portavoz do grupo parlamentar do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o alcalde de Santiago e destacado dirixente de Anova Martiño Noriega.

 

"Temos dúas alternativas: a de Feijóo converte este país en mero espectador, perdendo o tren ao que outros territorios se van subir para avanzar e prosperar. A alternativa que defende o BNG pasa por converter Galiza en protagonista dun momento histórico decisivo, para evitar perder posicións no político, no económico e no social", dixo Pontón, que foi apresentada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

 

Mesa Fórum 5As dúas receitas da líder do BNG para o país avanzar en xustiza social e en direitos nacionais son o concerto económico -isto é, a plena soberanía fiscal- e as Bases Democráticas que a formación nacionalista está a apresentar estes días en diferentes vilas e cidades da Galiza. Ou sexa, soberanía face a dependencia que representa o PP. "Non hai nada máis letal que a sumisión a Madrid e a subordinación ao proceso de recentralización", enfatizou Pontón.

 

En relación ao financiamento, Pontón mostrou a súa convicción de que o Estado "oculta as balanzas fiscais" porque os seus resultados reais "non benefician o discurso centralista". "Se a teoría da dependencia fose certa, o Estado sería o principal interesado en as publicar", dixo.

 

A líder do BNG criticou con dureza a posición de Feijóo nesta materia. Ou máis ben a súa non posición. A súa pasividade. Nese sentido censurou que non teña entrado "nen un documento" no Parlamento galego en que se pormenorice cal vai ser a proposta que a Xunta defenda perante o proceso de reforma do sistema de financiamento autonómico, axendado para o primeiro trimestre de 2018.

 

Foto Ana Pontón 1De acordo coa visión da portavoz nacionalista, Galiza estaría a pagar unha onerosa portaxe pola falta de perfil propio de Feijóo no debate do sistema de financiamento (o presidente da Xunta está a intervir nel máis para criticar a negociación sobre o cupo vasco do que para formular unha proposta concreta para Galiza). "A irrelevancia política [de Feijóo neste debate] é a gran ameaza para construír un país próspero, cunha economía forte e competitiva, con emprego e salarios decentes, con servizos públicos do século XXI e cunha lingua e cultura fortes", dixo Pontón. Ter un presidente sen peso político no Estado resultaría en pesadas facturas para o país e a líder do BNG relacionou algunhas delas: o veto á transferencia da AP-9, o "espolio enerxético", os retrasos no AVE, a exclusión da Galiza do corredor atlántico de mercadorías ou a práctica desaparición do corredor atlántico de mercadorías.

 

Alternativa nacionalista

 

No seu discurso, Pontón puxo a énfase en marcar os perfís da alternativa nacionalista face o discurso dun Feijóo que, a ollos do BNG, sería cúmplice da ofensiva recentralizadora do Estado. Trataríase de -como defenden as Bases Democráticas- dar pasos para ir deixando atrás os marcos estatutario e constitucionais vixentes. "Non temos que ter medo a ser independentes e decidir nós sobre o o noso, porque o peor que nos pode pasar é esta relación asimétrica co Estado, unha relación que non é de igualdade, senón de subordinación e de dependencia, e ese problema de dependencia lastra o noso futuro", concluíu.

 



x