O BNG LEVA O ASUNTO A BRUXELAS E Á ONU

Pontón propón unha "frente democrática" para o Pazo de Meirás non ser "un parque temático do fascismo"

Pontón propón unha "frente democrática" para o Pazo de Meirás non ser "un parque temático do fascismo"
Ana Miranda e Ana Pontón
Ana Miranda e Ana Pontón  

O BNG vai levar o asunto do Pazo Meirás -a súa xestión por parte da Fundación Francisco Franco- á Unión Europea e á comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas. Anunciárono esta segunda feira en conferencia de imprensa Ana Pontón e Ana Miranda.


Cómpre pór en marcha "unha frente democrática" para o Pazo de Meirás non se tornar nun "parque temático de fascismo", enfatizou esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A quen ten que combater esa frente democrática? A unha Fundación Francisco Franco que fai apoloxía do totalitarismo e que conta "coa connivencia do goberno galego e o seu presidente Núñez Feijóo".

 

Para a líder do BNG, a xestión das visitas ao Pazo de Meirás por parte dunha fundación que enxalza a figura do ditador constitúe un feito "inconcebíble e incompatíbel coa democracia" que "supón unha labazada ás vítimas do franquismo e as súas familias". Se a Fundación Francisco Franco consumar a toma de control deste BIC -ben de interese cultural- será porque existe unha clara "connivencia do Partido Popular co franquismo no Estado español", dixo Pontón.

 

A Xunta podería pór fin a esta "aberración" co uso das súas competencias, enfatizou a líder soberanista, quen lembrou que esta terza feira se reanudarán as visitas ao Pazo, polo que o goberno galego debe parar "esta barbaridade" e evitar que a súa "pasividade" se torne en "complicidade".

 

A conferencia de imprensa serviu para o BNG publicitar unha batería de medidas visando a restitución do Pazo de Meirás ao "pobo de Sada". O Bloque levará mocións aos concellos e ao Parlamento galego co obxectivo de que se produza a devolución dunha propiedade "roubada" durante o franquismo. Alén diso, a formación nacionalista instará a abertura dun expediente para ilegalizar a Fundación Francisco Franco por facer "apoloxía do fascismo".

 

Denuncia perante institucións internacionais

 

O asunto non ficará aí. O Bloque vai levar a Fundación Francisco Franco perante o Parlamento europeu e a Comisión de Direitos Humanos de Nacións Unidas por atentar contra "os valores europeus" e os principios máis elementais da democracia, anunciou nesta conferencia de imprensa a portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda.

 

Miranda puxo en destaque que en Europa non existe ningunha entidade equiparábel á Fundación Francisco Franco que sexa legal, un claro indicio de que, 42 após aos o falecimento do ditador, "o franquismo continúa con vida". A democracia non será completa, resaltou, até se abrir definitivamente paso a "xustiza, a verdade e a reparación das vítimas".

 

A portavoz da formación frentista perante o Parlamento europeu aproveitou o encontro cos meios para anunciar que en novembro deste ano, cando se cumpriren os 42 anos do deceso do ditador, o BNG organizará no Parlamento europeu un encontro con diversas entidades relacionadas coa recuperación da memoria histórica de Galiza e do Estado español.

 



x