Pontón propón unha inédita fronte común a Feijóo, Villares e Leicega ante o veto de Madrid á transferencia da AP-9

Pontón propón unha inédita fronte común a Feijóo, Villares e Leicega ante o veto de Madrid á transferencia da AP-9
Ana Pontón. Foto: Irene Pin
Ana Pontón. Foto: Irene Pin  

O Goberno estatal négase a tramitar no Congreso a proposición de lei do Parlamento da Galiza para a transferencia da AP-9, unha iniciativa impulsada polo Bloque. Pontón cualifícao de “tomadura de pelo”.


Hai 8.000 millóns de euros para resgatar as radiais madrileñas e cero euros para Galiza deixar de ter as peaxes máis caras do Estado, denuncia a líder do BNG. Estaríamos perante un asunto de país e iso leva a Pontón a, nunha iniciativa sen precedentes, se dirixir por carta aos líderes do resto das formacións con representación parlamentar -Feijóo, Villares e Leiceaga- para forzar politicamente que o asunto se poda acabar sustanciando no Congreso dos Deputados. O contido da misiva é o mesmo para os tres interlocutores.

Pontón demanda unha “reunión mañá mesmo para que nos podamos sentar todas as forzas políticas e deseñarmos unha estratexia para acadar a transferencia da AP-9 e acabar de vez coas peaxes abusivas que pagan as galegas e os galegos”.

Consciente de que é moi improbábel que Feijóo secunde a iniciativa, a portavoz nacional do BNG advirte: “Se Feijóo non participa admite que el é parte desta estratexia de burla que nos quere tomar por parvos”.

Pontón non ve solventes os argumentos invocados por Fomento para recusar a tramitación da iniciativa no Congreso. “É un agravio xustificado con argumentos falsos, porque é falso que a AP9 sexa a vía de entrada a Portugal e é falso esconderse tras un problema económico cando ese mesmo goberno está disposto a poñer 8.000 millóns de euros para resgatar as radiais madrileñas”, di a portavoz do grupo parlamentar do BNG.

Que alega o Goberno español?

O Goberno fai uso dunha potestade extraordinaria, a que o faculta para vetar aquelas proposicións de lei que implicarían un custo económico non contemplado nos orzamentos do Estado. Parte dun suposto irreal, o de considerar que a Xunta resgataría imediatamente a vía, isto é, optaría pola xestión directa, co que tería de indemnizar a sociedade concesionaria en máis de 4 mil millóns de euros.

De facto, a proposición de lei -impulsada polo BNG no Pazo do Hórreo e aprobada por unanimidade- limítase a demandar a transferencia á administración galega da titularidade da autoestrada, dando mesmo por suposto que a xestión continuará a ser através dunha concesionaria privada.

Que competencias tería a Xunta sobre a AP9?

As competencias que si tería a Xunta sobre a AP9 -e que agora bloquea o Goberno Rajoy en Madrid- serían as de autorizar a posta en servizo de novos tramos, a supervisión do correcto funcionamento da autoestrada, a potestade sancionadora sobre a concesionaria, e o estableecimento, actualización e supresión de tarifas e peaxes, ben como a faculdade de implementar políticas de descontos.

A Marea mantén a súa iniciativa

O asunto politicamente non morre con este veto. En Marea anunciou que mantén viva a súa iniciativa no Congreso arredor da transferencia da vía.