A DIFERENZA DO QUE FIXERON EN CASTELA E LÉON

Pontón ve vergoñento que na Galiza PP e PSOE continúen a bloquear a comisión sobre Angrois

Pontón ve vergoñento que na Galiza PP e PSOE continúen a bloquear a comisión sobre Angrois
Ana Pontón, na tribuna do Parlamento
Ana Pontón, na tribuna do Parlamento  

En Castela e León o PP, cunha abstención medida, acaba de permitir que se aprobase unha iniciativa a prol da constitución dunha comisión de investigación sobre a traxedia de Angrois. Na Galiza, en troca, o partido de Feijóo continúa a bloquear a conformación dun órgao no Pazo do Hórreo que pesquise as responsabilidades políticas do sinistro. O BNG -por boca de Ana Pontón- demandou esta quinta feira a PP e PSOE que levanten o seu veto á comisión.


Continúan pendentes de depuración as responsabilidades políticas decorrentes da maior catástrofe terrestre producida na historia moderna da Galiza, con 80 mortos e 144 feridos. Nen PP nen PSdeG-PSOE apoian no Parlamento galego a constitución dunha comisión de investigación que pesquise até que ponto decisións adoptadas no ámbito político tiveron a ver co estarrrecedor balanzo de vítimas da traxedia.

Na mesma semana en que a plataforma de vítimas pediu ao xuíz que impute a tres cargos do ADIF -até o momento as persoas acusadas son o maquinista e o director de seguranza do ente encarregado de administrar os camiños de ferro no Estado-, o BNG voltou a demandar que se constitúa na Galiza unha comisión de investigación parlamentar. Vaino facer formalmente por quinta vez, anunciouno esta quinta feira Ana Pontón, a portavoz nacional da formación nacionalista.

O BNG move ficha após se coñecer que no Parlamento de Castela e León o PP -coa súa abstención- e o PSOE -co voto favorábel- permitiron a aprobación dunha iniciativa de Podemos a prol da conformación dun órgao parlamentar que faga pesquisas para estabelecer as responsabilidades políticas da traxedia.

“Alegrámonos que haxa un Parlamento que pida a creación dunha comisión, pero desde o BNG parécenos vergoñento que no país onde se produciu o accidente, onde todos e todas nos solidarizamos coas vítimas, á hora da verdade se lle pechen as portas as súas reclamacións”, denunciou Pontón.

A líder do BNG dirixiuse especialmente a Feijóo, a quen instou a que levante o veto que bloquea na práctica a constitución da comisión. Pídelle que se non vota favorabelmente a iniciativa faga cando menos o que fixeron os seus correlixionarios en Castela e León e se absteña, o que daría luz verde ás pesquisas.



x