ANA PONTÓN, PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

"Que o PP, con 11 deputados, vaia gobernar a Generalitat, é inaceptábel desde o punto de vista democrático"

"Que o PP, con 11 deputados, vaia gobernar a Generalitat, é inaceptábel desde o punto de vista democrático"
Ana Pontón
Ana Pontón  Foto: BNG

"Un golpe á democracia". Así cualificou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, as medidas anunciadas por Mariano Rajoy após o Consello de Ministros que decidiu, co apoio do PSOE e de Ciudadanos, destituír o Govern da Generalitat e convocar eleccións nun prazo de seis meses.


Minutos após a comparecencia de imprensa de Mariano Rajoy para informar das medidas adoptadas contra Catalunya en aplicación do artigo 155 da constitución española, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, dirixíase aos medios de comunicación para lamentar o que considera "un golpe á democracia".

 

"Queremos amosar o noso absoluto e total rexeitamento ás medidas acordadas entre o PP, o PSOE e Ciudadanos. O anuncio que acaba de facer Rajoy é unha barbaridade", afirmaba Pontón, quen advertía de que se trata dunha manobra "inútil" desde o punto de vista político, pois "non se pode cesar nin ilegalizar a vontade dun pobo que quere decidir en liberdade o seu futuro".

 

A portavoz nacional do Bloque preguntouse como é posíbel que con só 11 deputadas e deputados o Partido Popular se vaia facer co Govern da Generalitat. "É inaceptábel desde o punto de vista democrático que o PP vaia gobernar Catalunya cando as urnas nunca lle deron esa confianza nin o seu apoio", afirmou.

 

Pontón apelou á reflexión do PSOE para non ser "cómplice" dun "golpe á democracia". Por último, puxo de manifesto que as medidas anunciadas por Rajoy "aféctannos a todas e a todos, porque debuxan unha restrición de dereitos e liberdades públicas sen precedentes". "Estamos ante uns feitos moi graves e todos os demócratas debemos rexeitar esa política unilateral que apoian algunhas forzas españolas", concluíu, en alusión a PSOE e Ciudadanos.

 

Comunicado da Executiva Nacional do BNG

 

Nun comunicado, a Executiva Nacional do Bloque pon de manifesto que a decisión do Executivo de Mariano Rajoy “é un profundo erro, sen precedentes e con gravísimas consecuencias no presente e para o futuro”, tendo en conta que rexeita a alternativa do diálogo e a da negociación e opta pola represión.

 

Unha represión no político coa aplicación do artigo 155 da constitución española, afirma o máximo órgano de dirección do BNG, "dando formalidade ao estado de excepción non declarado no que xa está Catalunya"; no xudicial, di, "encarcerando persoas por motivos políticos, aplicando importantes sancións económicas e administrativas e empregando o Tribunal Constitucional como un apéndice do PP", no policial, engade, "cunha intervención desproporcionada e fóra de lugar", e no mediático, conclúe, "cunha instrumentalización dos medios de comunicación públicos".

 

A Executiva Nacional salienta que as medidas anunciadas por Rajoy evidencian a "situación de involución democrática que non só afecta á negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Catalunya, Euskadi e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de recentralización, retroceso e perda de dereitos e de liberdades básicas nunha democracia”.

 

Por último, o BNG fai un chamamento "a unha rectificación política para poder solucionar un conflito de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial".

 



x