O CONCELLO DE SADA APROBA XESTIONAR AS VISITAS

O PP defende que a familia Franco elixa quen xestione as visitas ao Pazo de Meirás

O PP defende que a familia Franco elixa quen xestione as visitas ao Pazo de Meirás
[Imaxe: Rizlinha] Pleno en Sada
[Imaxe: Rizlinha] Pleno en Sada  

As formacións políticas que forman o goberno de coligazón en Sada, SadaMaioría, PSdeG e BNG, aprobaron que sexa o concello o organismo encargado de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás. Tamén acordaron que se inicie o retorno do pazo a mans públicas. O PP, que defendeu que a familia Franco elixa quen debe xestionar as visitas, abstívose e o Partido Demócrata Sada Popular votou en contra.


SadaMaioría, PSdeG e BNG aprobaron que sexa o Concello de Sada quen xestione as visitas ao Pazo de Meirás e así llo fixeron saber ao Goberno galego. Tamén instaron a Xunta a iniciar o retorno do inmoble, que fora espoliado para o goce da familia Franco, a mans públicas. Fixérono nun bronco pleno extraordinario que tivo lugar na mañá do sábado, 12 de agosto.

 

O Partido Popular abstívose na votación para solicitar que for o concello quen asumise a xestión das visitas, mentres que o Partido Demócrata Sada Popular votou en contra. O portavoz do PP e ex alcalde, Ernesto Anido, defendeu que sexa a familia Franco, baixo a tutela da Xunta, quen elixa quen xestiona as visitas ao pazo e considerou un “erro” a medida aprobada.

 

Na mesma liña, o portavoz do PP afirmou que “levamos 40 anos con estes rollos”, en alusión á reivindicación da devolución do pazo ao seu lexítimo herdeiro, o pobo, e sinalou que “os sadenses teñen outras prioridades”.

 

"Pensen nesa xente e na dignidade das vítimas do franquismo”

 

O alcalde de Sada, Benito Portela, considerou “unha provocación” e “unha vergoña” que sexa a Fundación Francisco Franco a encargada de xestionar as visitas a este pazo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) hai dez anos, e aproveitou a súa intervención para apelar á memoria de todas as persoas que foron vítimas da represión. Así, solicitoulles aos membros da Corporación que meditasen o sentido do seu voto e pensasen en todas as persoas que foron paseadas e represaliadas. “Pensen nesa xente e na dignidade das vítimas do franquismo”, afirmou

 

O portavoz do BNG, Lis Becerra, fixo fincapé na necesidade de declarar a familia Franco “non grata” en Sada. Precisamente, na sexta feira, a formación nacionalista presentara unha emenda ao texto principal que se ía debater no pleno extraordinario para incorporar esta cuestión. Na mañá do sábado, o secretario municipal presentou un informe desfavorábel, ao entender que o concello carece de competencias para declarar a familia non grata. Porén, SadaMaioría presentou unha transacción á emenda que matiza a proposta do BNG -a emenda orixinal non saíu adiante por non contar cos apoios necesarios- para salvar o informe do secretario.

 

"Para o BNG e para moitos sadenses, os Franco son persoas non gratas"

 

“O que estamos a tratar aquí é un repudio, é unha declaración política, é dicir, declarar politicamente os Franco, que teñen a propiedade do pazo, persoas non gratas”, explicaba na sesión plenaria extraordinaria Lis Becerra, portavoz do BNG, “para moitos sadenses son persoas non gratas, e sempre o van ser”, insistía o nacionalista.

 

Entre as persoas que ateigaron o salón de plenos do concello atopábase o portavoz de En Marea, Luís Villares. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, tamén estaba invitado, mais preferiu non asistir e convocar os medios gráficos a unha visita que fixo a Vigo.



x