SOLIDIFICA A SÚA ALIANZA CO PNV, MAIS PERDE PÉ CON CS

PP mostra a súa debilidade no Congreso ao ser incapaz de aprobar o decreto sobre a estiba

PP mostra a súa debilidade no Congreso ao ser incapaz de aprobar o decreto sobre a estiba
Taboleiro de marcas do Congreso
Taboleiro de marcas do Congreso  

Estraña xeometría variábel para o PP no Congreso dos Deputados: xusto no momento en que consolida a súa alianza conxuntural co PNV, comproba como a súa entente con Cs é cada día máis fráxil. Esta quinta feira, a formación conservadora foi incapaz de reunir apoios suficientes para garantir a convalidación na cámara do decreto lei de liberalización da estiba. Unha dura derrota parlamentar de consecuencias imprevisíbeis.

 


Rajoy alcanzou a investidura da man dunha complexa operación baseada en dous esteos: o apoio de Cs e a abstención do PSOE. Neste momento non pode contar nen con uns nen cos outros. Non pode contar con Cs, porque o combo de Rivera precisa marcar perfil diferencial e fuxir da etiqueta de marca branca do PP, co cal cae na tentación de se desmarcar do grupo da gaivota á menor oportunidade. E non pode contar co PSOE, porque en pleno combate precongresual o aparato susanista non se pode permitir o luxo de continuar a ser identificado co PP por parte da crecente maré sanchista que se está a estender nas bases do partido.

Con esa situación afrontaba o PP unha dura proba no Congreso dos Deputados, a convalidación do decreto lei de liberalización da estiba, unha reforma lexislativa, aliás, imposta por Bruxelas. O PP acudía á Carrera de San Jerónimo en teoría co apoio dos 32 parlamentares de Cs e os 5 do PNV. Total, 174 votos. Insuficientes se toda a oposición votaba en bloco contra a convalidación. O decreto só precisa de maioría simples para obter a luz verde, así que o PP tentou persuadir o Partit Demòcrata Europeu Català (a antiga Convergència) para no mínimo conseguir a súa abstención. Non están as cousas na formación liderada en Madrid por Francesc Homs -pendente de sentenza no Supremo polo xuízo do 9N- para facer favores á Moncloa. Ergo, a resposta dos soberanistas cataláns foi un sonoro NON. Aínda ficaba unha bala na recámara: confiar en que non todos os escanos da oposición fosen a estar ocupados. Esta mañá -co retorno de tres deputadas en viaxe no exterior, entre elas Ángela Rodríguez Pam, de En Marea- esa esperanza esvaeceu por completo e o PP comprobou con horror que os números non lle alcanzaban. A calculadora de Cs tamén deitou o mesmo resultado: en canto o grupo parlamentar liderado por Rivera reparou en que os seus votos non sumaban a maioría co PP, decidiu virar o si ao decreto en abstención.

En canto o grupo parlamentar liderado por Rivera reparou en que os seus votos non sumaban a maioría co PP, decidiu virar o si ao decreto en abstención

O comportamento de Cs non é novo, días atrás a formación laranxa uniu as súas asinaturas coas dos grupos parlamentares de Podemos e PSOE para rexistar unha iniciativa conxunta sen precedentes na lexislatura, a petición de constitución dunha comisión de investigación sobre as finanzas do PP. Ciudadanos argumentou no seu momento que ese movimento obedecía a que a formación de Rajoy traizoara o compromiso chave que lle permitiu obter o voto afirmativo dos 32 deputados cidadanistas á súa investidura, o de levar as pesquisas sobre as andanzas de Luís Bárcenas á cámara baixa.

En todo caso, desde a Rúa Génova sempre se viu en Cs un aliado pouco confiábel e o comportamento do grupo parlamentar laranxa esta quinta feira -modificar o sentido de voto, do si á abstención, co único obxectivo de lle inflixir unha derrota parlamentar ao partido do goberno- non fará máis que aprofundar a profunda desconfianza que a formación líder do centro-direita estatal sente polo partido de Rivera.

Distanciamento con Cs, achegamento con PNV. Os votos do PP blindarán os orzamentos do Goberno Urkullu na cámara vasca e todo indica que a formación jetzale devolverá o favor político no Congreso dos Deputados durante a tramitación dos orzamentos do Estado para 2018, a grande batalla pendente.

Co debate das contas estatais no horizonte, o taboleiro de marcas da Carrera de San Jerónimo ofereceu esta quinta feira unha fotografía no mínimo inquietante para a Rúa Génova. 141 votos a favor do decreto (PP + PNV), 174 en contra (PSOE, Podemos e confluencias, PDeC, ERC, Compromís, Bildu, Coalición Canaria) e 33 abstencións. Unha curiosidade: Íñigo Errejón abstívose por equivocación (premeu o botón equivocado á hora de emitir o seu voto).

É a primeira vez desde 1979 en que un decreto lei non é convalidado no Congreso por o goberno non ter suficientes apoios na cámara

O tropezo parlamentar é grave para o PP: é a primeira vez desde 1979 en que un decreto lei non é convalidado no Congreso por o goberno non ter suficientes apoios na cámara (hai un precedente, 2006, mais non conta porque foi un erro técnico que se subsanou na seguinte sesión plenaria).

Isto significa que neste momento o PP carece de maioría suficiente para aprobar os orzamentos para 2018. Cs é recuperábel para a causa conservadora e A Moncloa pode aspirar razoabelmente a conseguir o apoio da deputada de Coalición Canaria. Aínda así, o tope de apoios a día de hoxe sería 175. Demasiado axustado. Non admira que no aparato do PP se flirtee desde hai tempo coa hipótese de disolver a cámara a finais de maio para ir a novas eleccións. Serían as terceiras desde decembro de 2015.



x