PUY VE BEN UNHA PROPOSTA DO PSDG SOBRE A DEVOLUCIÓN DO PAZO

O PP nega un pleno extraordinario sobre o Pazo de Meirás e a transferencia da AP9

O PP nega un pleno extraordinario sobre o Pazo de Meirás e a transferencia da AP9
Un momento da Deputación permanente
Un momento da Deputación permanente  

O bloqueo por parte do Goberno español da transferencia da AP9 a Galiza e a xestión fascista do Pazo de Meirás non constitúen, a ollos do PP, asuntos de relevo suficiente para convocar un pleno extraordinario no Parlamento galego. Así o defendeu o partido conservador durante o debate realizado esta terza feira na Deputación permanente da cámara.


"Ningún destes temas é suficientemente urxente para aprobar un pleno extraordinario", argumentou o portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, para xustificar a negativa conservadora. 

 

Nada mudou a respeito da transferencia da AP9 -bloqueada por decisión política do goberno estatal do PP- a xuízo de Puy, polo que non se impón un debate monográfico fóra das calendas ordinarias do Pazo do Hórreo. A respeito de outro pazo, o de Meirás, o portavoz conservador si viu "interesante" unha proposta formulada polo PSdeG, o de constituír unha comisión con presenza de distintas admistracións, entre elas a Xunta, para estudar o expediente de doazón do imóbel ao ditador visando a súa restitución ao patrimonio público.

 

Sobre esta última cuestión, Puy foi interpelado directamente pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen instou a forza política maioritaria a que se está a prol da restitución do Pazo ao pobo galego vote a favor da iniciativa que nesa mesma dirección defenderá a formación nacionalista no primeiro pleno do próximo período de sesións.

 

Puy desdramatizou a xestión do Pazo de Meirás por parte da Fundación Francisco Franco, resaltou que até o de agora non se ten producido "ningún incidente" -aínda que non deu resposta a por que está apagado o telefone para facer as reservas das visitas ao pazo- e enfatizou que no interior deste BIC tampouco se ten producido ningunha "apoloxía do franquismo".

 

Ana Pontón chamou co seu telemóvel ao número encarregado de tramitar as reservas ao Pazo de Meirás. Ninguén contestou a chamada

 

A cámara foi directamente consciente da apagada telefónica do Pazo de Meirás porque Ana Pontón, desde o seu propio telemóvel, fixo unha chamada ao número encarregado de tramitar as reservas. Ninguén contestou a chamada.

 

Antón Sánchez, vice-portavoz de En Marea, si que ve apoloxéticas, impresentábeis e inadmisíbeis nun estado de direito as declaracións proferidas por responsábeis da Fundación Francisco Franco [entre elas, a da propia presidenta, a filla do ditador, que mesmo cargou contra o concello de Pontevedra por no seu día ter declarado Rajoy como persoa non grata].

 



x